Jesusa Cabeza, Susa: «Cando me disfrazo non saben que son a da zapatería da avenida de Fisterra»

Loreto Silvoso
Loreto Silvoso A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Jesusa Cabeza García, Susa, choqueira do entroido 2024 da Coruña
Jesusa Cabeza García, Susa, choqueira do entroido 2024 da Coruña EDUARDO PEREZ

A elexida Choqueira do Entroido 2024 da Coruña rexentou Calzados Docampo xunto ao seu home durante 48 anos

13 feb 2024 . Actualizado a las 00:37 h.

A maxia do entroido revélase cada ano na Coruña grazas a personaxes como Susa Cabeza (Sofán, 1952). A simpática choqueira dános a benvida na súa casa de Pastoriza co seu amplo sorriso de Geraldine Chaplin (ten moito parecido coa actriz). En realidade, se identifica máis con Lina Morgan porque lle encanta e porque é «tan teatreira» como ela. Comediante e moi currante, leva dende os anos setenta disfrazándose no martes de carnaval.

—Vostede escenifica á perfección o entroido coruñés, ese no que non fai falta gastar un peso para gozar da troula. Por que cre que a elixiron como choqueira do ano?

—Eu levo dende o ano 2010 gañando premios. Antes non, porque non me presentaba, pero participo no entroido coruñés dende os anos setenta.

—E cando lle deron a noticia?

—Non o podía crer!

—Como é un martes choqueiro para vostede?

—Primeiro temos unha comida na miña casa, dunhas vinte persoas. Somos unha familia moi larga e sempre nos xuntamos aquí, que teño sitio, grella e lareira. E logo de comer, poño o traxe e marchamos para Coruña.

—Pois si que ten enerxía vostede. De que vai ir este ano?

—Vou de cesteira, sobre un ghirighostio que armei cunhas cestas que tiña por casa.

—Mais que cesteira, festeira!

—As dúas cousas. Gústame moito a festa, o teatro, os concertos, a cultura e, sobre todo, pintar a mona, ja, ja... Outros anos fun de labrega, de feiranta, de muiñeira... O ano pasado rompín un brazo cando fun de lareira.

—Vaia! Quen é a Susa que está detrás do traxe?

—Unha muller traballadora, que ven dunha familia moi humilde, eramos once irmáns. Eu toda a vida quixen estudar. Estiven interna nun colexio catro anos, pero traballaba para que as monxas me ensinaran eh, que era un centro de pago. Estudaba e traballaba ao mesmo tempo no lavadoiro, na cociña... Logo vin para A Coruña a buscarme a vida.

—Onde traballou?

—Traballei moitos anos como soldadora na fábrica de Intelsa, no polígono de Sabón. E despois tiven comercio na Coruña 48 anos. Cando me disfrazo, case ninguén me recoñece, non se dan contan de que son Susa, a da zapatería da avenida de Fisterra, enfronte á oficina de emprego.

—48 anos co mesmo comercio é toda unha vida.

—Pois si. Calzados Docampo. Monteino co meu marido, que é zapateiro i eu personalizaba calzado, bolsos, carteiras... Alí estivemos 48 anos ata que o traspasamos, porque meus dous fillos adicáronse a outras cousas. Pero éramos os máis antigos da zona, eh. Eu vou pola rúa Barcelona e me coñece todo o mundo.

—E non a relacionan coa súa faceta de choqueira.

—Algúns si, pero moitos outros non o imaxinan. Cando poña iso no xornal e a xente se entere que son eu, Susa a da zapatería da avenida de Fisterra, vai ser unha pasada. Moitos non me coñecen pola faceta esta teatreira que eu teño. Xa me quixeron gravar para unha película.

—Conte, conte.

—Eu ía disfrazada cunha carretilla, estaba cortado o tráfico e metinme polo medio dunha rodaxe. Logo andaban buscándome para que formara parte da película.

—Algún choqueiro na familia?

—Meu marido non se disfraza, pero mátase de risa comigo. Meus fillos si herdaron o xene. Pero eu son a pintamonas da familia. Xa de pequena as monxas me chamaban para as actuacións de fin de curso. Sempre fun moi teatreira.

—Ten un punto de pallasa total.

—Si, si, son unha pallasa.

—Algo mais que engadir?

—Que non se perda o espírito do entroido!

«Ser choqueiro é meterse nunha personaxe para rir e facer rir»

Aínda que xa era veterana do entroido, non foi ata o ano 2010 cando Susa se presentou ao concurso de choqueiras por primeira vez. Foi chegar e encher. Ese ano acadou o premio principal e, desde entón, nunca deixou de presentarse e de gañar recoñecementos. É habitual vela vacilar á xente pola rúa da Torre e sacarse fotos con todos. Este ano, a xenuína choqueira terá por fin a súa merecida placa conmemorativa na rúa de San José. Será cunha homenaxe o vindeiro martes a Fernando Amaro, Cantero, que foi quen a descubriu.

—Como foi aquilo?

—Un día, no 2010, viume disfrazada de choqueiro polo Campo da Leña e gusteille. Díxome que me presentara, concursei co número 45 (aínda me lembro) e gañei!

—E lembra cando se disfrazou por primeira vez?

—Tiña dez ou doce anos. Para min os carnavais sempre foron sagrados. Ía cara os Cantóns ou cara á Torre e onde vía outros, me arrimaba a eles e punto. Ou pasaban os da comparsa Monte Alto co organillo e me sumaba.

—Susa, qué e un choqueiro?

—É pensar unha personaxe e desenvolvela. Para min ser choqueiro é disfrazarse para rir e facer rir ós demais, pero sen comprar apenas nada. Esaxerar a personaxe. En entroido todo cabe sen faltar ao respecto e facer que a xente participe. É abrir os armarios e ciscar a cara con carbón.

—O da Coruña é o mellor?

—O entroido da Coruña é moi bonito porque hai moita variedade.

Os choqueiros fan o pallaso pero non lle quito mérito aos traxes preciosos e á musica das comparsas. Gústame por todo iso.

—Foi a máis ou a menos?

—Aumentou. Foi para arriba dende os anos 70. Ao primeiro non se disfrazaba tanta xente. Despois xa se foi organizando todo. Eu o entroido non o perdo por nada.