A Real Academia Galega celebra no Día das Letras Galegas a Luísa Villalta, a «autora que se transforma e nos transforma»

Tamara Rivas Núñez
T. Rivas A CORUÑA

A CORUÑA

ANGEL MANSO

O presidente da institución, Víctor F. Freixanes, fixo un chamamento a «deseñar un novo horizonte para a lingua, un novo tempo que corrixa erros e abra esperanzas»

17 may 2024 . Actualizado a las 15:03 h.

As notas saídas das catro cordas do violín de Kiyoko Ohashi uníronse no pleno extraordinario que a Real Academia Galega (RAG) celebrou este venres no Teatro Rosalía de Castro da Coruña coa voz ausente, pero máis que nunca presente, dos versos de Luísa Villalta para reivindicar no Día das Letras Galegas a figura dunha escritora minuciosa, reservada e poliédrica. A elección do Presto da Sonata número 1 para violín en sol menor de Johann Sebastian Bach non foi froito do azar. Ninguén mellor que o autor preferido de Villalta e o instrumento que foi unha das súas grandes paixóns, canda a literatura, para abrir unha sesión na que se foi trazando un retrato dunha intelectual en toda a amplitude do termo a través de distintos fragmentos e referencias ao seu legado literario e extraliterario. Dunha muller que demostrou sempre un compromiso inquebrantable coa xustiza social, coas novas xeracións e coa lingua propia.

Na primeira das tres alocución académicas, a escritora e xornalista Ana Romaní definiu o último volume que a escritora «que transforma e nos transforma» deixou listo para publicar como un «rotundo exercicio de liberdade». E considerou que en Papagaio, Villalta culminou o movemento interno que viña xestando dende hai tempo. Romaní fíxoo a través dun xogo literario no que debuxou un hexágono de palabras de Luísa Villalta, unha homenaxe sonora aos caligramas dunha autora de «sólida bagaxe intelectual, da música ás matemáticas, do xogo ao símbolo». Margarita Ledo afondou no compromiso ético de quen retratou como unha das figuras «máis complexas, atraentes e representativas da fin do século XX en Galiza» nunha intervención baixo o título Pensar Galiza, soñar Galiza na que analizou a concepción que tiña a autora coruñesa da cultura galega como un proxecto común e de emancipación colectiva e na que desexou que «fique para todos nós a pulsión poética dun faro que aquece e ilumina en presente e por mil primaveras a cultura e a lingua galega». Pola súa banda, Euloxio R. Ruibal puxo o foco na produción teatral de Villalta, escita nunha «prosa limpa, precisa, sinxela e ás veces poética». A estética simbolista é outra constante da súa dramaturxia, caracterizada pola «linguaxe poética e musical, unha atmosfera misteriosa e desacougante, evocadora de impresións, e a subxectividade e o quietismo». A presenza da mitoloxía, xunto á mencionada linguaxe poética, propicia ademais «unha maior expresividade, dado que o mito, ademais de simbolizar, potencia a lírica e outorga un maior valor literario e dramático aos textos», apuntou o académico.

Reivindicación lingüística

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, puxo o acento no compromiso cívico de Luísa Villalta en todas as súas dimensións, e especialmente na lingüística, nun chamamento a pensar o futuro do galego de xeito colectivo. «Certamente demos pasos xigantescos a prol desa dignidade e uso da nosa lingua», subliñou, pero recordou que a pesar de que xa pasaron catro décadas da aprobación da Lei de Normalización Lingüística (1983) e cando se fan vinte anos do Plan de Normalización Lingüística (2004), «que só parcialmente chegou a executarse, debemos afrontar criticamente, e tamén dende a autocrítica de todos os axentes sociais e non só políticos, a realidade do idioma pensando no seu futuro, na súa proxección mesmo alén das nosas fronteiras, na súa utilidade, no seu uso, con especial atención ás xeracións do futuro».

«Ou avanzamos ou retrocedemos. Non hai posicións intermedias. E para avanzar, con toda a sociedade detrás, necesitamos sentarnos a falar e a deseñar un novo horizonte, un novo tempo que corrixa erros e abra esperanzas, onde se cadra todos teñamos que ceder algo para avanzar moito, sen medos e sen vendas nos ollos», reivindicou.

A RAG celebrou o acto central da gran festa da cultura galega no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o lugar onde naceu e viviu Luísa Villalta, e onde faleceu tamén prematuramente, por mor dunha meninxite, hai dúas décadas, aos 46 anos de idade. O pleno extraordinario rematou coa interpretación do himno galego na voz de Estíbaliz Espinosa e a música do violín de Ohashi.