A Real Academia Galega confirma a proposta favorita, o cancioneiro popular, como homenaxeada nas Letras Galegas

Noemí López / A. A. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

A Real Academia Galega despois de dedicar o Día das Letras Galegas 2025.A Real Academia Galega despois de dedicar o Día das Letras Galegas 2025
A Real Academia Galega despois de dedicar o Día das Letras Galegas 2025 Marcos Miguez

A sesión celebrada no pazo de María Pita concluíu outorgando a vitoria á candidatura polas cantareiras e pandeireteiras

05 jul 2024 . Actualizado a las 19:12 h.

A sesión plenaria ordinaria dos académicos da Real Academia Galega (RAG) celebrada este venres no pazo de María Pita de A Coruña concluíu co resultado esperado. O próximo ano as Letras Galegas irán dedicadas ao cancioneiro popular, especialmente «ás mulleres que, malia a vida difícil que lles tocou vivir, foron creadoras e transmisoras da arte e beleza que conforma o noso patrimonio lingüístico e cultural». A institución personifica a homenaxe en Adolfina e Rosa Casás, naturais de Cerceda; Eva Castiñeira, de Muxía; e Manuela Lema Villar, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, de Malpica de Bergantiños e integrantes das Pandeireteiras de Mens. 

As cantareiras e pandeireteiras xorden no contexto dos traballos de axuda mutua entre a veciñanza da sociedade labrega, na que a conclusión desas tarefas se celebra con música e baile. A finais do século XIX, os coros comezaron a compilar músicas populares, pero a imaxe que se estableceu como icona foi a do gaiteiro que, acompañado do tambor, exercía o seu oficio no espazo público, ignorando as achegas das cantareiras e pandeireteiras, relegadas á esfera privada e as súas cantigas, ao anonimato. 

A Real Academia Galega fai agora xustiza con este legado e as súas autoras, viente e sete anos despois das Letras Galegas do 1998, centradas nos trobadores da ría de Vigo: Johan de Cangas, Meendinho e Martin Codax. O propio presidente actual da Real Academia Galega, Victor Fernández Freixanes, mencionou «a extraordinaria contribución da historia da muller á lingua e transmisión da lingua e cultura galega», salientando que no seu caso, como «neno nado na Pontevedra dos años 50, o meu galego entrou polas cancións das festas».

Con esta proposta tamén se pretende homenaxear ao traballo realizado no século XX pola etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico fonsagradino Antón Santamarina. Ambos autores do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié), unha biblia do noso folclore que realizaron nos anos 80. Este traballo permitiu identificar informantes como Adolfina Casás Rama (1912-2009) e Rosa Casás Rama (1913-2005). Tamén nos anos 80, Milladoiro subía aos escenarios a Eva Castiñeira, primeira pandeireteira en tocar cun grupo de folk. Pola súa banda, as Pandeireteiras de Mens xa actuarían en palcos folclóricos dende os anos 70.

A historia destas cinco mulleres foi recuperada na presente década no libro Pandereteiras de Mens de Beatriz Bisto Miramontes editado pola Central Folque, mesmo selo que editou Fuliada na vila, un volume sobre Adolfina e Rosa Casás Rama escrito por Richi Casás (neto de Rosa Casás).

Estas e moitas outras iniciativas de persoas que foron recollendo individualmente os cancioneiros populares por todo o país contribuíron a visibilizar a enorme riqueza dunha expresión artística colectiva amezada polos procesos de urbanización. Así e todo, fronte ao que aconteceu noutros territorios, o cancioneiro popular puido chegar ao século XXI e deixar unha fonda pegada na alta cultura.

A candidatura apoiada pola maioría do pleno da Real Academia Galega tamén «pretende aludir ás novas xeracións de intérpretes e creadores que demostran que na propia esencia da poesía popular oral está evolucionar e cambiar. Desde os que recolleron cantigas directamente nas aldeas, como Fuxan os Ventos nos anos 70 e despois Milladoiro, ata Mercedes Peón, Leilía, Xabier Díaz ou, xa parte de xeracións máis novas, Faia Díaz, Sés, Baiuca, Mondra, Caamaño&Ameixeiras, Fillas de Casandra ou as Tanxugueiras».

Por isto, o vindeiro 17 de maio dialogará o legado das cantareiras coa modernidade de artistas que hoxe exploran novos vieiros para a literatura de base popular, sempre unida a outro tesouro patrimonial colectivo: a música. Así, Ana Boullón, académica que promulgou a proposta triunfadora, mencionaba a dificultade para escoller as voces que ían a representala por mor do anonimato. Por esta razón, tamén achega un agradecemento «a musicólogos, intérpretes e a Antón Santamarina pola súa labor de asesores».