O alcalde de Abegondo, reelixido presidente da asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia
A CORUÑA
Santiso pide unha reunión coa Consellería de Medio Rural para abordar o programa Leader
29 oct 2024 . Actualizado a las 11:42 h.A asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia celebrou este martes en Boqueixón a asemblea xeral para escoller a súa xunta directiva para os próximos catro anos. O presidente de Mariñas-Betanzos e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, foi reelixido para encabezar agrupación que abrangue a todos os concellos de Galicia coa política rural como ámbito de traballo.
A decisión tomouse por unanimidade da asemblea. Os membros designaron na xunta directiva xunto a Santiso aos GDR de Ordes e Terra Cha nas vicepresidencias, a Monteval na secretaría, e a Miño-Ulla na tesourería.
Santiso agradeceu a confianza depositada polos representantes do rural galego. «Os GDR son a base do desenvolvemento rural galego, contan cos profesionais máis cualificados e con gran experiencia para traballar por medidas que supoñan avances de calado», dixo.
O presidente apunta como a primeira medida a petición dunha reunión coa Consellería de Medio Rural e Agader para coñecer de forma directa as súas intencións con respecto ás políticas de xestión do programa europeo Leader. Os GDR entenden os cambios no organigrama autonómico requiriron unha adaptación e por iso esperan ese encontro cara final de ano.
Asemade, na asemblea Santiso animou aos GDR a integrarse na Red Española de Desenvolvemento Rural, da que xa forma parte Mariñas-Betanzos. «É unha iniciativa espléndida para o traballo rede con vocación de cooperación e que permite participar tamén a nivel europeo», indicou.