Roi Salgueiro e Manuel Bouzas, comisarios do pavillón de España en Venecia: «Por suposto, o feísmo non é un problema exclusivo de Galicia»

A CORUÑA

Son da Coruña e de Pontevedra, traballan nos EE.UU. e foron elixidos para dirixir o pavillón español da mostra internacional
13 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.É un dos fitos no mundo da arquitectura e este 2025 o pavillón de España da Bienal de Arquitectura de Venecia terá acento galego. Roi Salgueiro Barrio (A Coruña, 1975) e Manuel Bouzas Barcala (Pontevedra, 1993), arquitectos e profesores na actualidade nos Estados Unidos, serán os seus comisarios logo de gañar o concurso nacional coa súa proposta, Internalities: Architectures for Territorial Equilibrium.
Pregunta. Que supón para vós ser comisarios do pavillón español?
Roi Salgueiro. Comisariar o pavillón é unha oportunidade única para continuar a investigación que estamos a realizar como arquitectos e profesores, e que se centra en comprender a relación entre arquitectura e territorio, así como entre ecoloxía e economía. Máis alá deste aspecto persoal, comisariar o pavillón é, sobre todo, unha responsabilidade e unha oportunidade. Queremos celebrar a importancia dun conxunto de obras de arquitectura de altísima calidade que abren camiños para resolver a crise medioambiental na que nos atopamos.
Manuel Bouzas. Entendemos o pavillón como un instrumento para ensinar ao mundo algúns dos avances máis relevantes que a arquitectura pode achegar á sociedade. Ademais, un dos nosos obxectivos centrais é xerar coñecemento novo. O pavillón é un grande proxecto de investigación sobre como afrontar os retos que temos respecto ao uso de materiais, enerxías e oficios, así como no control de residuos e emisións. Agardamos que esta investigación poida presentarse non só en Venecia, senón tamén en Galicia.
Pregunta. Por que credes que vos escolleron?
Roi Salgueiro. Nós fixemos unha proposta moi clara, titulada Internalidades. Arquitecturas para un Equilibrio Territorial. Nela incluiremos obras que priorizan o uso de materiais e recursos locais, co fin de vincular as ecoloxías deses territorios cos procesos económicos que teñen lugar neles. Estes materiais son, ademais, de baixa pegada ecolóxica, renovables ou rexenerativos, e serven para reducir as emisións do edificio. Grazas a iso, as obras que incluiremos están facendo avances notables na descarbonización da construción e buscan equilibrar a arquitectura co seu territorio.
A esta busca de equilibrios territoriais chamámoslle «internalidades». Este é un termo que inventamos nós en oposición ao termo «externalidade», unha noción crave nos campos da economía e da ecoloxía, que refire ás consecuencias medioambientais negativas que acompaña a elaboración dun produto. Por exemplo, cando fabricas un quilogramo de aluminio, xeras dous quilogramos de lodos tóxicos. Ao investigar paletas de materiais locais, amosamos que hai unha importante corrente de arquitectura que está facendo todo o posible para reducir ou eliminar esas externalidades negativas medioambientais.
Manuel Bouzas. Un aspecto que gustou moito é que todas as salas do pavillón terán un conxunto de fotografías de gran formato, encargadas específicamente para a exposición. Presentaremos tamén unha gran cantidade de maquetas, que se expoñerán dunha maneira moi atractiva. Para nós, é clave construír a exposición cos materiais dos que estamos a falar. Nese sentido, a madeira de Galicia pode ser unha moi boa opción. Nunha época caracterizada polo dixital e o efémero, queremos retornar a uns formatos máis tanxibles e permanentes.
Pregunta. É boa a calidade da arquitectura española? E da galega?
Manuel Bouzas. Ao mirar desde fóra a arquitectura española e galega, como é o noso caso ao vivir en Estados Unidos, un decátase da enorme calidade das nosas mellores obras. Hai traballos de grande valor espacial, tipolóxico, formal e, en especial, construtivo. Neste sentido, nas últimas décadas, vemos un novo uso de materiais derivados da terra en Cataluña (ladrillo, terra compactada, cerámica), da pedra nas Baleares ou de madeira en Euskadi. En Galicia contamos con fantásticos exemplos de construción en granito, lousa ou madeira, que son tres recursos clave da nosa historia e, agardamos, do seu futuro.
Roi Salgueiro. En calquera caso, as ocasións nas que se pode practicar unha arquitectura de excelencia seguen a ser poucas, especialmente no sector da vivenda. Neste sentido, un dos nosos obxectivos é poñer de relevo casos de éxito realmente transformadores. Un exemplo clave son os excelentes proxectos de vivenda pública que se estiveron a facer en Cataluña e nas Baleares, e que son un modelo que se pode extrapolar ao resto do Estado.
Pregunta. Cómo chegan dous arquitectos galegos a dar clase no MIT e Cornell?
M. B. A academia americana nútrese de talento estranxeiro. Practicamente en todas as escolas de arquitectura importantes hai profesores formados en España. Os nosos casos son bastante semellantes, xa que os dous chegamos a Estados Unidos grazas a ter recibido bolsas para estudar na Escola de Deseño da Universidade de Harvard. Roi recibiu no 2011 a bolsa da Fundación Barrié, que desde fai décadas xoga un papel clave para completar a formación dos estudantes galegos no estranxeiro, mentres que eu recibin no 2021 a bolsa da Fundación La Caixa. Beneficiámonos de que as universidades aquí teñen un forte interese pola diversidade de coñecementos e perspectivas. Isto refórzase por procesos de selección de profesorado moi abertos, nos que o máis importante é ter unha axenda docente e de investigación que sexa clara e relevante. No noso caso, ten que ver con cuestións territoriais, ecolóxicas e de cambio climático.
Pregunta. Fóra de Galicia, tamén hai feísmo?
R. S. Cada sociedade ten distintos problemas arquitectónicos e urbanísticos. E, por suposto, o feísmo non é un mal exclusivo de Galicia ou de España. No contexto americano, hai problemas gravísimos derivados da suburbanización masiva que caracteriza as súas cidades. Hai tamén diferenzas abismais socioeconómicas entre barrios, que nas áreas deprimidas repercuten na absoluta falta de servizos básicos públicos ou mesmo de comercio. O espazo urbano está aínda máis marcado que en España polas dinámicas do mercado, pola comercialización do solo e polo impacto dos diversos ciclos de reestruturación económica. As imaxes que coñecemos polos medios, nas que se contrastan zonas de luxo con barrios abandonados e medio destruidos, evidencian a falta de mecanismos que amortezan o impacto dos ciclos económicos e da desigualdade social no espazo urbano.
Pregunta. É o feísmo o peor da arquitectura e do urbanismo galegos? Que sería?
R. S. O feísmo é, sobre todo, un síntoma. É o resultado dunha serie de problemas previos, derivados, por unha parte, da pouca atención dos poderes públicos respecto á ordenación do territorio e das cidades e vilas, e, por outra, do predominio dunha cultura da construción baseada fundamentalmente na especulación. Neste sentido, abandonar o feísmo non require tanto cambiar algúns códigos estéticos como reforzar o deseño e o control do desenvolvemento urbano. Percibimos que, cando xa fan case dúas décadas da crise de 2008, en toda España seguen a persistir con forza os mesmos modelos especulativos e extractivistas de desenvolvemento, os cales están moi lonxe de buscar o ben común. O problema da permanencia deses modelos de explotación do territorio non é só estético, senón que reincide en promover modos de mobilidade, sistemas de construción e lóxicas antiecolóxicas que van en contra dos obxectivos de sustentabilidade que debemos perseguir.
Pregunta. Volver a Galicia está dentro dos vosos plans?
M. B. Claro. Os dous sentimos unha forte vinculación con Galicia. Ademais, o que a ambos nos interesa mentres estamos aquí é crear lazos entre Galicia e as universidades ou institucións nas que traballamos en Estados Unidos. Ambos intentamos levar a cabo proxectos de investigación ou docencia que involucren a Galicia. Na Bienal teremos unha sala que se centrará exclusivamente no noso territorio. Traballaremos con arquitectos, investigadores e fotógrafos galegos para analizar as novas paisaxes e arquitecturas enerxéticas ligadas ao vento e á auga. Falaremos tamén da nova industria da construción en madeira e o seu vínculo cos bosques e montes tan característicos do noso territorio. Ademais, no ano 2026 gustaríanos traer a exposición a Galicia, colaborando con algunha institución local de peso. Isto abriría a posibilidade de realizar aquí talleres ou outros proxectos docentes vinculados co tema da Bienal.
Pregunta. Se facemos unha comparativa, poderiades dicirnos pros e contras da arquitectura galega e da de EE.UU.? Que gusta máis aquí e que gusta máis alí?
R. S. En Galicia hai arquitectos de altísimo nivel, e tamén existe un conxunto de saberes construtivos ligados ao uso da pedra e da madeira. Hai, ademais, unha relación fortísima coa paisaxe e coas costas, que é tremendamente valiosa. Tamén hai un certo nivel de artesanía na construción que permite coidar o detalle e explorar solucións novidosas. Pola contra, a arquitectura en Estados Unidos está tremendamente corporativizada e industrializada. Mesmo nos escasos exemplos de arquitectura institucional de calidade, os arquitectos teñen moi pouco marxe para escapar dos estándares marcados pola industria.
M. B. En conxunto, a existencia dun ecosistema profesional baseado en estudos relativamente pequenos e a persistencia aínda dun sistema de concursos públicos fai que tanto en Galicia como no conxunto de España haxa unha gran cantidade de talento arquitectónico. Fálta crear os mecanismos institucionais para que ese talento non se limite a unha pequena cantidade de obras e poida servir realmente ao conxunto da poboación.