A Deputación da Coruña e Orgullo Galego presentan un programa para fomentar o uso do galego entre a mocidade nas redes sociais
A CORUÑA
O proxecto inclúe obradoiros en centros de ensino público de secundaria para dar a coñecer o que está acontecendo no mundo dixital entorno á lingua galega
07 ene 2025 . Actualizado a las 18:41 h.A área de lingua da Deputación da Coruña presentou esta martes o programa O galego e as redes sociais, que desenvolve en colaboración con Orgullo Galego. A deputada, Soledad Agra, e o responsable do medio dixital, Borja Iglesias, deron a coñecer os detalles deste proxecto que nace para fomentar o uso do galego nas redes sociais, e amosar os contidos que se están desenvolvendo entre a mocidade.
En concreto, realizaranse 20 obradoiros en centros de ensino público de secundaria da Costa da Morte e Terras de Soneira, impartidos por Orgullo Galego, unha comunidade en redes que naceu no 2016 e que na actualidade conta coa comunidade máis grande en lingua galega. «O seu traballo a prol da difusión e da cultura e da lingua galega é extraordinario, polo que quixemos traballar con el para fomentar o seu uso entre a rapazada, a través dunha ferramenta tan valiosa como son as redes sociais», sinalou a deputada.
«Podemos facer un gran traballo para potenciar o galego nas redes sociais, por iso queremos animar a crear contido na nosa lingua, e tamén amosar todo que se está facendo agora mesmo, que é moito e dunha gran calidade», afirmou Soledad Agra, «de aí este proxecto que desenvolvemos da man dun dos creadores dixitais de referencia no país».
O responsable de Orgullo Galego, Borja Iglesias, explicou o detalle destas charlas, «nas que amosamos a situación actual da lingua nas redes sociais, a súa evolución dende os anos 90, e vemos as canles que hai en galego que falan de temas moi diversos: deporte, ciencia, cultura, tecnoloxía...». Ademais, «mostramos que a lingua galega non é un atranco para crear contido, xa que nos permite chegar a milleiros de persoas de todas as partes do mundo, como é o caso de Orgullo Galego». Estes obradoiros, que xa se desenvolveron noutros centros de Galicia, «teñen unha resposta moi boa, tanto entre os e as galegofalantes como os que non o son. Incluso a raíz destas charlas xurdiron algúns podcast, emisións en Twitch e canles de YouTube en galego».