A Deputación rescata un ano máis a historia medieval do Reino de Galicia

Antón S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Gañadores da última edición dos proxectos culturais Reino de Galicia.
Gañadores da última edición dos proxectos culturais Reino de Galicia. atr

A área de Cultura convoca o terceiro fondo de proxectos sobre esta época

04 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouco a pouco, ano a ano, a historia medieval do Reino de Galicia vai calando entre o público grazas á iniciativa da área de Cultura da Deputación, que acaba de convocar o Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia, unha época que volve ao presente dentro deste plan do departamento que dirixe Natividade González.

O 11 de febreiro remata o prazo para a presentación de proxectos, que chega no 2025 á súa terceira edición «para seguir contribuíndo á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galicia». Este ano escolleranse os 15 mellores en vez dos 20 premiados dos anos anteriores. Mantense a dotación de 200.000 euros, repartidos agora con 20.000 para os tres mellores, 14.000 para os cinco seguintes, e 10.000 para os sete restantes.

Nesta terceira edición, o certame poñerá o foco en dous ámbitos do contido: o primeiro, os proxectos centrados na posta en valor patrimonial, turístico e socioeducativo do pasado medieval de lugares, vilas e cidades da provincia da Coruña, a través da actualización do seu relato histórico contextualizado no marco do Reino de Galicia; e, en segundo lugar, os proxectos centrados na difusión e posta en valor de figuras concretas do pasado medieval.

«Con esta convocatoria, damos un terceiro paso e non pequeno para combater a desmemoria e o esquecemento sobre o pasado medieval de Galicia», indica a deputada de Cultura, Natividade González. «A sociedade galega actual precisa coñecer o seu pasado para comprenderse mellor na actualidade e poderse pensar con máis capacidade de cara ao futuro», engade.

O congreso a as actas

Estas experiencias tamén comezan a quedar por escrito. O ano pasado publicáronse as actas do congreso celebrado en setembro do 2022 no Museo do Pobo Galego, onde uns 20 expertos abordaron desde o ámbito científico o período medieval galego. O propio museo compostelán acolleu a presentación do volume das actas, un traballo coordinado polo historiador Anselmo López Carreira, responsable tamén da coordinación do congreso.

A deputada Natividade González indicou que esta publicación se enmarca nun proxecto máis amplo, que nace do compromiso da área de Cultura da Deputación. «Este proxecto ten tres polas: o congreso, que xa se celebrou e que recollen as actas; un certame para apoiar iniciativas que axuden a dar a coñecer a existencia deste importante período histórico; e unha terceira que será unha exposición como nunca se fixo sobre esta etapa da historia de Galicia que faremos na primavera en espazos públicos nas cidades de Santiago e A Coruña».

Sobre a xestión das liñas xerais da área de Cultura da Deputación, Natividade González considera que «no centro das políticas culturais de hoxe en día non deben estar nin os responsables políticos, nin as e os artistas, nin os espazos ou contedores culturais. O centro das políticas culturais deben ocupalo as e os cidadáns. A cultura é o espazo das ideas e da comunidade, e nun mundo cada vez máis individualista e homoxéneo temos que reivindicar a comunidade e a diversidade».

A Rede Cultural desenvolve 3.000 propostas ao ano nos 93 municipios

A Rede Cultural da Deputación disporá este ano dun orzamento de 1.975.000 euros. O prazo para que artistas, empresas e compañías inscriban os seus espectáculos remata este 6 de febreiro. A institución provincial financiará entre un 30 e un 75 % dos espectáculos, dependendo do número de habitantes do concello.

A Rede Cultural desenvolve case 3.000 propostas cada ano nos 93 municipios da provincia, acollendo música, artes escénicas, danza ou narración oral. É a maior rede cultural de Galicia e un elemento de máxima relevancia para o sostén económico das compañías de teatro e dos artistas musicais locais. En total, tres millóns de euros anuais van destinados a cofinanciar todas estas actividades entre a Deputación e os concellos.

O catálogo da Rede Cultural está formado por catro programas: Escena ao vivo! (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), Visións (cinema e contidos audiovisuais), Lingua a Escena! (música, teatro, narración oral e monicreques orientados á dinamización da lingua galega) e Alicerce (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais).

 

Músicos participantes nas residencias do pazo de Mariñán, en Bergondo.
Músicos participantes nas residencias do pazo de Mariñán, en Bergondo. atr

A entidade provincial busca novo talento musical e literario nas Residencias Artísticas Mariñán

As Residencias Artísticas Mariñán, un dos programas do departamento de Cultura da Deputación da Coruña para o apoio á creación artística, chegan este ano á súa terceira edición. A nova convocatoria quere seguir reforzando propostas centradas non nas pezas ou nos resultados finais, senón nos procesos creativos, nun espazo singular, como é o pazo de Mariñán (no municipio de Bergondo), e poñendo a disposición dos participantes todos os medios para desenvolver os seus proxectos con éxito e nas mellores condicións.

Seleccionaranse un máximo de catro proxectos do ámbito musical e outros catro dos eidos da literatura e do pensamento, nos que os aspirantes poderán traballar no pazo de Mariñán entre o 31 de marzo e o 11 de abril. No caso das residencias musicais, as estadías dividiranse en dúas quendas: as dúas primeiras propostas, do 31 de marzo ao 5 de abril, e do 6 ao 11 de abril as outras dúas.

«Coas residencias de música», explica a deputada de Cultura, Natividade González, «queremos promover o desenvolvemento da produción musical galega desde unha ollada contemporánea e consciente; establecer un contexto de acompañamento e formación para mellorar a viabilidade e a profesionalización das producións, e crear sinerxías con outras residencias e programacións para fomentar o intercambio de propostas e artistas e mellorar a proxección das producións». «E coas residencias de literatura e pensamento —engade— buscamos fornecer as condicións favorables para intensificar o proceso de creación literaria e o pensamento en contextos de traballo e aprendizaxe comunitarios».

Estancias adaptadas

Durante a súa estadía, as creadoras e creadores terán a súa disposición un espazo de traballo no pazo de Mariñán con varias estancias de diferentes características adaptadas ás necesidades da creación e a formación; gozarán de aloxamento en habitación de uso individual, en réxime de pensión completa no pazo; acompañamento e seguimento da proposta por parte da persoa comisaria das residencias. Tamén reunións con outros axentes culturais e programadores como apoio á continuidade da proposta dentro dos circuítos musicais.