
A exposición, organizada polo Parlamento, conta con 230 viñetas do autor
06 feb 2025 . Actualizado a las 23:18 h.Deixarse levar pola forza dos orixinais de Siro López (Ferrol, 1943). Esa é a única premisa que pon o comisario, Aser Álvarez, para ollar a exposición 40 anos de autonomía de Galicia nas caricaturas de Siro. A simple vista resulta unha tarefa bastante sinxela. E proba diso deron as persoas que asistiron onte a inauguración da mostra na sede de Afundación en A Coruña. A exposición está composta por 230 viñetas políticas elaboradas por Siro para La Voz de Galicia entre os anos 1985 e o 2006, xunto a outras pezas da primeira lexislatura autonómica (1981-1985) e unha decena máis de debuxos inéditos sobre os últimos anos da política galega. «Podería haber outras 230 caricaturas totalmente diferentes e serían igual de significativas. O que estamos facendo é un acto de memoria, de fomentar a cultura política», sinalou Álvarez.
No acto inaugural tamén interviron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; o presidente de La Voz de Galicia, Lois Blanco e o artista Siro López. «En las culturas ancestrales, como la egipcia, ya se encontraron papiros en los que se mostraban escenas de la vida política», matizaba Escotet. «El arte es esencial para la democracia, y la caricatura de Siro demuestra lo que una fotografía no es capaz de mostrar», engadiu.
A ollada dun xenio
Detrás dos seus bosquexos e debuxos hai máis que liñas en branco e negro, tamén en cor, que dan vida ás autoridades que pasaron polo Hórreo nestas décadas. Hai unha visión, con humor e intelixencia, que amosa como era a sociedade galega e os seus representantes. «Explica o que non se entende coa súa certeira ollada. Non deixou pau sen tocar no ámbito do xornalismo», resaltou Miguel Ángel Santalices.
Agora, o seu legado como caricaturista político se amosa en pleno centro da urbe herculina. «O presidente do Parlamento insistiume moito nos últimos meses en facer isto. É o mellor xeito de reivindicar o talento que temos e a importancia da industria da comunicación. De empresas fortes e independentes que defendan aos caricaturistas. Esta profesión permítenos reivindicar isto», destacou Lois Blanco.
O propio protagonista non ocultaba a súa preocupación minutos antes de recibir aos asistentes. «É a culminación do meu labor como xornalista. O ano pasado, por estas datas, eu estaba facendo unha exposición no Kiosco Alfonso. Era unha mostra antolóxica onde había de todo menos caricatura política. Eu entendía que o importante era, xa que esa ía ser a miña última exposición, que a xente recordase ou coñecese que eu fixera outras cousas aparte do meu traballo no xornal. Porén, agora doume conta de que está moi ben que sexa esta a que poña o punto final», confesou Siro.
«En 1985, Santiago Rey Fernández-Latorre propúxome trocar a oficina técnica de Bazán pola redacción de La Voz de Galicia para dedicarme só ao xornalismo. E aceptei. Foi un grandísimo acerto. Juan Ramón Díaz, o director, tivo o outro: “Vas debuxar cada día a caricatura do feito político máis importante na comunidade”. Fíxena durante vinte e un anos e, para que nada quedase por analizar, botei a vista atrás e ilustrei os feitos relevantes desde o comezo da primeira lexislatura, en Nadal de 1981», precisou o autor sobre o seu traballo.
Ata o 15 de marzo
A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 15 de marzo e poderase visitar de luns a venres en horario de 17.30 a 20.30 horas, e os sábados e festivos, de 12.00 a 14.00, e de 17.30 a 20.30 horas.
Esta exposición é un proxecto do Parlamento de Galicia que conta coa colaboración de La Voz de Galicia e Afundación, e a coordinación de Aser Álvarez. «É un traballo que destila moito amor. Só hai que ver como están feitos os orixinais. E, por outro lado, tamén destila humor. Ese bálsamo que nos fai a vida máis doada e moito máis fácil», resume Aser.
Unha mesa redonda sobre o nacemento da autonomía
Para comprender dun xeito máis profundo o que supuxeron estes 40 anos de autonomía en Galicia e a obra de Siro López, La Voz de Galicia organiza unha mesa redonda no auditorio da sede de Afundación en A Coruña.
Será o vindeiro martes, día 11 de febreiro, as 18.00 horas. A entrada é de balde ata completar o aforo. «Vanse escoitar a varias persoas, cada unha desde a súa perspectiva. A Xosé Luís Barreiro e a María Xosé Porteiro, que foron políticos en exercicio durante bastante tempo e que saben a ilusión coa que se viviron aqueles anos. Supoño que falarán da súa experiencia. Pinto e Chinto son como fillos meus; daquela, eles poderán falar da herdanza que lles deixei. Claro que eles fan unha cousa distinta, de enorme calidade; non son continuadores no sentido de que sigan os meus pasos. Eles van polos pasos que eles mesmos escolleron. Pero si que é verdade que se engancharon a esta tradición humorístico-gráfica que é tan rica en Galicia e que comeza con Castelao e chega aos debuxantes de hoxe, que son moitos e moi bos», adiantou Siro.
O encontro estará moderado polo director de La Voz, Xosé Luís Vilela. «Confío en que para a xente de certa idade lle sirva para lembrar a emoción que vivimos en determinados momentos, e para a rapazada, sobre todo para aqueles que teñan certas inquedanzas de coñecer o seu país, teñen nesta exposición unha forma moi cómoda de aprender a historia da autonomía galega en caricatura», sostén Siro.