O PEL da Deputación da Coruña consolídase como un motor de emprego na provincia

Antón S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Visita de Valentín González Formoso no coworking de Ames.
Visita de Valentín González Formoso no coworking de Ames. atr

Dende o 2016 creou 7.700 postos de traballo cun investimento de 120 millóns

09 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata hai unha década, as políticas de emprego da Deputación da Coruña limitábanse á contratación de cuadrillas de obras nos concellos durante os tres meses do verán, cun investimento de apenas un millón de euros ao ano. Coa chegada de Valentín González Formoso á presidencia provincial, este goberno fíxose unha pregunta: Pode unha Deputación contribuír a crear emprego non só nos concellos, senón axudando ás pequenas empresas a contratar novo persoal; apoiando aos emprendedores nos primeiros pasos dos seus proxectos ou contribuíndo a modernizar as empresas asentadas no rural?

A resposta foi afirmativa, e así naceu no 2016 o Plan de Emprego Local (PEL). Nove anos despois, este plan suma 119 millóns de euros de investimento, demostrando ser un gran aliado para concellos, pemes e autónomos e ofrecendo diferentes liñas de axuda que responden ás necesidades específicas de cada colectivo. As cifras dan conta do éxito: 7.700 empregos creados no sector público e privado, 2.700 pequenas empresas beneficiadas das axudas para investimentos e modernización, 4.000 autónomos que viron reducida a súa cota mensual e máis de 260 proxectos emprendedores formados nos 11 centros cos que conta a Rede Provincial de Espazos de Coworking da Deputación.

PEL-Concellos

Máis de 400 persoas para contratar no 2025. O seu obxectivo é facilitar a inserción laboral de persoas con especiais dificultades para atopar un emprego. Os concellos reciben financiamento para contratar durante un ano a persoas en risco de exclusión social ou en situacións económicas complicadas. Foméntase así a cohesión social e a igualdade de oportunidades. Este 2025, o PEL-Concellos financia a contratación de máis de 400 persoas en 91 concellos, cun investimento xa aprobado de 3,5 millóns de euros.

   

PEL-PEMES

Incentivos que crearon 3.000 empregos. Coa idea de dinamizar o tecido empresarial, esta rama do PEL ofrece ás pequenas e medianas empresas da provincia unha axuda que cubre ata o 70 % dos custos das novas contratacións. Esta iniciativa busca facilitar a incorporación de novo persoal, contribuíndo a que as empresas locais creen emprego estable e poidan medrar, innovar e ser máis competitivas no mercado actual.

PEL-Autónomos

Alivio nas cotizacións para 4.000 profesionais. A figura do autónomo é fundamental na economía da provincia da Coruña. Por iso, esta liña axuda a facer fronte ás cotizacións á Seguridade Social, facilitando que máis persoas poidan dar o paso cara o autoemprego ou manter a súa actividade nunha contorna económica complexa para este colectivo. Máis de 4.000 persoas se beneficiaron destas axudas.

  

PEL-Emprende

2.700 firmas da provincia se sumaron a esta subvención. Está deseñado para aquelas persoas ou empresas que buscan modernizar as súas infraestruturas, dixitalizarse ou realizar investimentos que melloren a súa competitividade. O obxectivo é estimular a innovación e a adaptación ás novas esixencias do mercado.

Rede de coworking

Once espazos por toda a provincia. Outro dos piares do PEL é a súa rede de coworking, composta por 11 centros distribuídos por toda a provincia. Estes espazos ofrecen un lugar onde autónomos, pequenas empresas e emprendedores poden desenvolver a súa actividade nun entorno innovador e colaborativo, compartindo recursos e coñecemento, o que favorece o networking e a creación de sinerxías. A Rede viu pasar a 480 emprendedores coruñeses que iniciaron 263 proxectos de negocio nos 11 centros dos que dispón: Pazo de Arenaza (Oleiros), o LAB-Barbanza (Boiro), Transformando en Brión, o Espazo A Proa (Ames), o Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla (Moeche), o coworking A Capela, o centro de emprendemento A Estación (Vedra), o Green Coworking (As Pontes), o Coworking A Pobra, o coworking Dixital CCompostela (Santiago) e a Casa do Pescador (Miño).

A Deputación prevé abrir a mediados deste mes de febreiro o prazo de solicitudes das axudas PEL 2025, que suman preto de 13 millóns de euros de orzamento e «que dan continuidade a esta aposta firme pola creación de emprego de calidade, o apoio ao emprendemento e á modernización do tecido empresarial».

atr

Coruña Estudio Inmersivo na Cidade das TIC posiciona a A Coruña como referente no ámbito audiovisual europeo

Coruña Estudio Inmersivo (CEI) é unha infraestrutura pioneira que sitúa A Coruña na vangarda da produción audiovisual virtual en España. Impulsado pola Deputación da Coruña en colaboración co Clúster Audiovisual Galego, o CEI está situado na Cidade das TIC e representa un avance significativo para o sector audiovisual galego.

O proxecto foi desenvolvido en tempo récord, cun investimento superior aos 9 millóns de euros, cofinanciado pola Deputación e o Plan de Recuperación do Goberno de España. A xestión do CEI foi adxudicada a Pedralonga Estudios, unha sociedade que agrupa a dez grandes empresas do ecosistema audiovisual galego, consolidando unha alianza estratéxica que fortalecerá a competitividade e proxección da industria na comunidade.

Dotado coa tecnoloxía de vangarda de Telefónica, o CEI dispón dunha gran superficie led 4K de 28 por 6 metros capaz de crear escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas, reproducindo con precisión calquera localización real ou ficticia. Esta tecnoloxía permitirá ás produtoras galegas liderar servizos para plataformas dixitais e televisións a nivel global.

As obras e a integración da tecnoloxía do CEI xa están completadas e o centro podería ser inaugurado este mes de febreiro. Nas instalacións estanse a desenvolver actualmente programas de formación específicos para profesionais do sector, co obxectivo de optimizar o uso das novas tecnoloxías dispoñibles no estudo.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que o CEI converterá á provincia nun «hub audiovisual de referencia en Europa» para a produción de cine e series, subliñando a importancia desta infraestrutura para o futuro da puxante industria audiovisual galega.

Este sector representa a día de hoxe o 28 % da industria cultural galega, sumando máis de 4.500 empregos, 411 millóns de euros anuais de facturación e máis de 700 empresas. «A posta en marcha do CEI pretende ser un revulsivo para o sector e para atraer a Galicia producións das grandes produtoras cinematográficas e plataformas de contidos audiovisuais que operan a nivel global», sinalan fontes da Deputación.