A Xunta califica de «lastre» a xestión dos residuos da Coruña e avanza a apertura dun expediente para a vindeira semana

A CORUÑA

«É o único municipio de España que non conta con este sistema, incumprindo as normativas europeas, estatais e autonómicas», lamentou Ángeles Vázquez
21 feb 2025 . Actualizado a las 19:25 h.A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou onte a apertura dun expediente sancionador grave contra o Concello da Coruña por incumprir a normativa de recollida separada de residuos. O anuncio realizouse durante a presentación do Ecotroido na cidade, onde a conselleira criticou a falta de avances na implantación deste sistema.
Vázquez recordou que en outubro do 2023 «se acadara un acordo co Concello para implementar a recollida separada de bricks e plásticos, con prazo de execución a partir do 1 de xaneiro de 2024». Sen embargo, transcorrido este tempo, «A Coruña é o único municipio de España que non conta con este sistema, incumprindo as normativas europeas, estatais e autonómicas», lamentou.
«Temos que concienciar á poboación e as institucións deben dar exemplo. Non é o caso do Concello da Coruña», afirmou a conselleira. Ademais, destacou que a situación supón un «lastre para o resto de Galicia» e subliñou que o incumprimento da lei non pode continuar.
Vázquez explicou que, tras inspeccións realizadas, decidiuse proceder coa apertura deste expediente sancionador grave a vindeira semana. «Creo que fomos o suficientemente pacientes, pero o que non podemos facer é ocultar que non se está cumprindo a lei», engadiu. A conselleira advertiu que o Concello da Coruña podería perder ata cinco millóns de euros anuais. «Os demais concellos xa cumpriron, ben implantando os contedores ou adheríndose ao sistema. No caso da Coruña, nin unha cousa nin a outra», lamentou. Finalmente, Vázquez avanzou que haberá máis accións de non acatar a normativa.