Ángeles Huerta: «Castelao non tería sido quen foi sen a súa compañeira, Virxinia»

Antía Díaz Leal
Antía Díaz Leal A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

A directora de cine Ángeles Huerta, no salón de actos da Escola de Idiomas de A Coruña, da que é profesora.
A directora de cine Ángeles Huerta, no salón de actos da Escola de Idiomas de A Coruña, da que é profesora. EDUARDO PÉREZ

A cineasta estrea este ano «Antes de nós», unha visión persoal do intelectual

23 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Di Ángeles Huerta (Xixón, 1974) que a nosa cultura («e subliño o de nosa, reivindícome como galega de adopción», apunta) ten certa tendencia á melancolía. Por iso parécelle un acerto que Antes de nós, a película sobre Castelao, escolla dous episodios concretos dos anos novos do autor de Rianxo. Antes de nós, producida por Zaza Ceballos co apoio da TVG e do Agadic e guión de Pepe Coira, é a terceira cinta da directora afincada na Coruña, despois do premiado documental Esquece Monelos e O corpo aberto, a película que arrasou nos Mestre Mateo do 2023.

—A película conta dous momentos moi concretos: a gripe de 1918 e a viaxe a Bretaña de 1929.

—Son dous momentos de formación onde se ve a construción moral dun home, e son tamén puntos de inflexión na parella. É unha achega aos anos de formación de Castelao, e unha cousa moi bonita que é a formación desa parella. Soa a tópico, pero Castelao non sería entendible, non tería sido quen foi sen a súa compañeira. E a película fala dese «nosoutros». Castelao e Virxinia chegan a Rianxo nun momento de crise matrimonial polas infidelidades del. E en Rianxo están en certa maneira sós ante o perigo. A gripe de 1918 foi devastadora, e aí Castelao vese asoballado por todo ese drama humano, no que saca peito de maneira heroica, pero que tamén o ispe como ser humano e o reachega á súa parella. E na Bretaña, é unha viaxe que fixeron coa escusa de pescudar nos cruceiros de pedra, pero amañada polos amigos de Castelao un ano despois da morte de Chuchiño, o seu único fillo, nun momento no que os dous arrastran unha crise de identidade e de parella tamén devastadora.

—Dá un pouco de medo achegarse á súa figura dun xeito máis persoal, menos político, sen loanzas?

—Non é un panexírico, pero eu defendo que si é unha película profundamente política. Todos os filmes son políticos. Facer cinema xa é un feito profundamente político! Todo o que vemos, desde a conformación da súa relación de parella ata os vínculos familiares, poñerse sempre ao carón do máis feble, a loita contra o cacique, todas son cousas políticas. A min o que me interesa da vida de Castelao é o impacto que pode ter na vida de cada un dos espectadores a visión desta película, ata que punto Antes de nós fala de todos nós como galegos e tamén como seres humanos.

—Como foi traballar cos actores? Ten que ser difícil escoller un Castelao...

—Eu funciono moito por epifanías, sabía que Xoán Fórneas era o Castelao perfecto. Vaise falar moito del e vaise falar moito de Cristina Iglesias, que fai unha Virxinia Pereira que nos leva a uns niveis de emoción. E ese Nancho Novo! Creo que é súper emocionante porque encarna en certa maneira o espírito do pobo galego. O seu personaxe, Sobral, este canteiro de Rianxo, dalgunha maneira educa a Castelao nos valores e na arte tradicional. Un tipo que non é nada agarimoso con Castelao, que o mira como o que é, un señorito fillo do anterior alcalde, sen saber que Castelao sente unha admiración sen límites por este home que encarna a sabedoría dos canteiros.

—As súas películas son moi diferentes entre si, pero en todas hai unha cuestión central que é a identidade, non?

—Si, e o fluído que é todo. Tamén unha maneira de achegarse ás feridas do corpo, pero tamén ao gozo do corpo. Cando me ofreceron a película, primeiro dubidei, sendo un encargo e non un guión propio. Comentáballe á produtora executiva que tiña que ver de que maneira facela persoal. E despois a vida é moi cruel, morreu miña nai, atravesei un dó persoal e doloroso. A gripe, a morte de Chuchiño, da miña nai... eu estaba coa idea de facer unha película serena. Pero Lucía Catoira, a directora de fotografía, díxome que non imaxinaba unha peli tan arrebatada. Todo o mundo que a viu di que é moi apaixonada, e non me parece mal porque Castelao era un tipo bastante apaixonado, que puña o corpo, e que o puxo ata os últimos días.

«Despois de facer “Esquece Monelos”, A Coruña é unha cidade que agora levo dentro»

—Leva máis de vinte anos en Galicia, a súa primeira película, Esquece Monelos é un documental sobre unha Coruña que xa non existe. Ve a cidade dun xeito diferente despois deste documental?

—Totalmente. Eu xa era unha persoa namorada da Coruña desde que vin vivir aquí. De feito, cando cheguei a Galicia vivín en Santiago, pero eu creo que un pouco por ser de Xixón, faltábame o mar, un entorno máis urbano. Vin aquí moi contenta, buscando outras cousas. E despois de facer Esquece Monelos... isto soa moi cursi, pero é unha cidade que agora levo dentro. Non me imaxino vivindo noutro sitio, para min sería moi doloroso.

—Ademais de dirixir, é profesora na Escola Oficial de Idiomas.

—Si, si. Moi orgullosa. Non se afasta tanto de dirixir películas. Ao final estás contando historias, interactuando con seres humanos. Eu poño moito amor no que fago, e déixome ensinar moito polos meus alumnos. Para min é importante porque son unha namorada da docencia, e porque precisamente ter este traballo permíteme facer só os proxectos cinematográficos que me interesan, porque se non estaría facendo outras cousas tamén moi lexítimas pero nas que eu non me baleiraría tanto como persoa. E despois na Escola Oficial de Idiomas da Coruña hai unha cousa que a min me interesa moito, que é o heteroxéneo do alumnado. Encántame ter diante un grupo humano con dous xubilados, un profesor universitario, un tipo que está en bacharelato, nais de familia... Nunha clase, como nunha rodaxe, a única maneira de que funcione é que haxa equipo. Aprendo moito nas rodaxes para dar clase e nas clases para dar filmes.