José Ángel, La Paca: «Se me dis se prefiro 30.000 euros ou ser o cartel do entroido, dígoche que lle den polo saco aos cartos»

A CORUÑA

O choqueiro do ano na Coruña leva o cachondeo no sangue. «O que busco é que a xente esqueza as penas e problemas, que xa a vida é moi complicada e fastidiada como para andar chorando»
02 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O seu é a guasa. Vaille no sangue. «Entereime onte por miña nai de que meu avó materno pertencía a unha comparsa de Rianxo. Tenme que vir por aí. Levo o humor e o cachondeo metido no corpo. Estamos enterrando a sardiña e cando vou para casa xa estou desexando que volva o entroido. Vívoo e apaixóname», afirma José Ángel Gago (1972).
Con ese nome pode pasar completamente desapercibido, pero se falamos da Paca xa é outro cantar. «Se me dis, “ti que prefires: 30.000 euros no banco agora mesmo ou ser o cartel do entroido?” respóndoche que lle den polo saco aos cartos. Isto non se pode comprar. Ou vales ou non vales», sentencia. Para el, ser choqueiro é toda unha filosofía de vida. «O que busco é que a xente esqueza as penas e problemas, que xa a vida é moi complicada e fastidiada como para andar chorando».
Confesa que levaba agardando desde 2019 a que lle chegase este recoñecemento como choqueiro do ano, pero non imaxinaba ser a imaxe do festexo. «Non llo deron a ninguén no mundo. Na historia da Coruña, xamais houbo un choqueiro que fose o cartel do entroido. Para min iso é un orgullo como coruñés», sinala.
O de vestir prendas femininas xa lle veu de mozo. «Fastidiabame que miña nai gastase os cartos nos disfraces, que daquela eran custosos. Entón, cando comecei a ter uso de razón, empecei a coller roupa dela. A primeira vez arranquei uns sorrisos a todo o mundo e desde entón sempre vou de muller. Miña nai sempre me di “José, no tienes vergüenza ninguna”. E eu lle respondo: “nin quero que ma presentes”. Están afeitos a que sexa o paiaso da familia», sostén.
Sen pudor
Resalta que na súa familia ninguén lle segue o ritmo. Nin os seus fillos. «A miña filla disfrázase, pero vai coas amigas como se fose ao colexio. Meu fillo veu hai dous anos comigo vestido de vello. Cando vin o que había díxenlle “deixo que xogues á Play toda a tarde”. Nin unha foto nin un vídeo fixo. A miña familia ten sentido do ridículo. E eu son o ridículo.
O seu carisma como Paca contrasta coa súa vida profesional. «Traballo nunha xoiería do centro. Son o porteiro e os meus xefes xa o saben. De feito, pedinlles 15 días e dixéronme que si. Están contentos co que fago, malia que pensan que estou zumbado. Se ves a un calvo en modo Call of Duty, de azul, dis ti: “Non me creo que este tipo sexa La Paca”. Teño unha cara de mala hostia que non o podes nin imaxinar. Moitas veces teño que quitar a perruca para que me crean. Agora xa levo unha foto no móbil», relata.
O seu vestiario e maquillaxe foron mellorando co paso dos anos. Agora a Paca quere que o entroido coruñés non morra e medre coas novas xeracións ata estar ao nivel dos de Verín, Tenerife ou Río de Xaneiro.