Cristina Pato: «A liberdade non sempre é un dereito, senón unha responsabilidade para con nós»

M. R. OURENSE / LA VOZ

A CORUÑA

Cristina Pato, co Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades.
Cristina Pato, co Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades. Miguel Villar

A artista recibiu en Ourense o Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades.

08 abr 2025 . Actualizado a las 09:24 h.

A artista Cristina Pato recibiu onte en Ourense o Premio Clara Campoamor á igualdade de oportunidades. A música agradeceu o galardón do Concello de Ourense, mais observou que a busca da liberdade que Campoamor reivindicaba para as mulleres «non é sempre un dereito, senón unha responsabilidade de todas nós para con nós mesmas». Se outras mulleres no pasado abriron portas, as actuais teñen que seguir «desbrozando camiños», dixo, para que non se pechen. Mencionou que a sociedade avanzou, pero eses avances «non son permanentes». Instou a loitar acotío pola igualdade, pois é «un exercicio que comeza e remata con nós».

Rodeada de familiares e amigos no Centro Cultural José Ángel Valente, Cristina Pato falou do seu «privilexio» de ter crecido nunha familia de mulleres «na que todo era posible», da importancia das súas tres irmás e do papel da nai, que as obrigou a quereren ser libres e independentes e a loitar polos seus dereitos. A súa irmá, Raquel Pato, destacou dela a perseveranza, temperanza e visión de futuro. A galardoada rematou citando a Michelle Obama: «Se nos rendemos agora, herdemos un país que non se parecerá nin a nós nin a ningún dos valores nos que cremos».