
A histórica formación interpretará cancións de Camiño longo
15 abr 2025 . Actualizado a las 13:04 h.A histórica formación de música galega Treixadura actuará o vindeiro 16 de maio no Teatro Colón da Coruña. A actuación servirá para que o público coruñés poida escoitar en directo as cancións do seu último álbum, Camiño longo.
«Desde o goberno local levamos anos fomentando o coñecemento da cultura galega entre a cidadanía, ofrecendo ademais de actuacións singulares nos nosos espazos municipais, como este concerto, ciclo e celebracións como a romaría de Santa Margarida, que cada ano ten máis adeptos», indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. As entradas para este concerto xa están á venda a través de Ataquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. O día da actuación, en caso de quedar localidades dispoñibles, tamén se poderán adquirir no propio teatro.
Desde 1990, Treixadura leva aos escenarios un espectáculo único que combina o canto e a gaita, elevando a música tradicional ao máis alto nivel artístico. Fieis á súa esencia, teñen rescatado melodías do anonimato, creado novas composicións e compartido a forza evocadora do canto colectivo. Cunha traxectoria de 8 discos, colaboracións con figuras como Rodrigo Romaní ou Kepa Junkera, Treixadura representa a ponte viva entre a raíz cultural galega e a súa reinterpretación contemporánea. Unha experiencia emocionante que converte o público no verdadeiro protagonista de cada concerto.