O BNG da Coruña leva ao pleno as «tarefas pendentes» do goberno local en materia de memoria democrática
A CORUÑA

Denuncian que o Consello da Memoria Democrática «leva catro anos sen se convocar»
03 may 2025 . Actualizado a las 14:59 h.A concelleira do BNG de A Coruña Mercedes Queixas vai defender unha moción no pleno do próximo xoves para instar ao goberno local a que «desatasque as súas múltiples tarefas pendentes» en materia de memoria democrática. «O Consello da Memoria Democrática leva catro anos sen ser convocado», denuncia Queixas, que lamenta tamén que non se consultase con ese órgano o nomeamento da contorna da torre de Hércules, a Casa Cornide e a Casa Casares Quiroga como lugares da memoria.
«O gobierno de Inés Rey ten desde hai seis anos nun caixón o informe do Instituto José Cornide sobre as retiradas de honras e distincións a asasinos e represores fascistas. Alén diso, continúa sen cumprir o acordo da Xunta de Goberno Local de 2020 para a colocación dun monumento como tributo aos Irmáns da Lixivia, asasinados polos fascistas en 1936. Unha escultura de Ramón Conde cedida ao Concello por Selva García, fillo dun dos superviventes da barbarie», señala a concelleira.
«Continuamos sen saber o estado en que se atopa o proceso de revisión de oficio dos acordos fraudulentos que se traduciron en que a Casa Cornide acabase en mans da familia Franco e tampouco sabemos por que non insta o Goberno Local a Xunta de Galiza a facerlle cumprir aos actuais propietarios dese palacete as súas obrigas como titulares dun BIC, entre elas, a de habilitar un réxime de visitas ao público», engade.