A Deputación da Coruña achegará a escritores co público lector nas bibliotecas municipais
A CORUÑA

O proxecto Encontro coas Letras realizarase en colaboración coa Asocicación Galega de Escritoras e Escritores
12 may 2025 . Actualizado a las 12:50 h.Un autor ou autora amplamente recoñecido polo público, e outro escritor ou escritora de perfil máis descoñecido, fronte a fronte coa comunidade lectora. Esta é a liña argumental de Encontro coas letras, o proxecto presentado este luns pola Deputación da Coruña e a Asociación Galega de Escritoras e Escritores (AGER), enmarcado dentro do 180 Aniversario da Biblioteca Provincial, que busca dotar dunha vida diferente á literatura nas bibliotecas da provincia da Coruña.
Os Encontros coas Letras queren ser eventos vivos, tal e como apuntaba a deputada de cultura, Natividade González, «queremos que a comunidade lectora poida participar activamente. Que comenten, que debatan, que charlen con eses autores e autoras participantes de ti a ti, sen barreiras».
E precisamente por iso o proxecto implicará 7 encontros en 7 bibliotecas da provincia da Coruña, comezando polo vindeiro xoves 22 de maio ás 19 horas na propia Biblioteca Provincial, que servirá de escenario para o primeiro Encontro coas Letras, protagonizado polas poetas Lucía Aldao e Branca Trigo Cabaleiro. «Un exemplo máis da nosa aposta por descentralizar as actividades culturais, desenvolvéndoas en diferentes puntos da provincia máis aló das cidades», engadiu a deputada.
O proxecto, tal e como explica a presidenta de AGER, María Nieto, «servirá para que o público lector, esa comunidade que enche de vida ás bibliotecas, coñeza as propostas que os autores e autoras galegos desenvolvemos, dun xeito sinxelo e moi accesible». Os escritores e escritoras serán emparellados polos seus puntos en común, «as súas temáticas, os seus xéneros literarios, a súa xeración literaria, o seu estilo narrativo... Así logramos que a comunidade lectora coñeza propostas novas da man de libros e autores ou autoras que xa lle son coñecidos, e, ao mesmo tempo, impulsamos o debate na produción desas plumas xa famosas».
A técnica da biblioteca, María Lema, referiuse ao 180 aniversario da Biblioteca Provincial, «unha das máis lonxevas do país, que conta cun fondo patrimonial único», e apuntou que, con este tipo de iniciativas, «queremos facilitarlles tamén un pouco o día a día ás bibliotecas, con actividades de interese para para a comunidade lectora».
Tras este primeiro encontro, e pasado o verán, terán lugar as seis citas restantes, que se repartirán entre setembro e novembro entre diferentes bibliotecas da provincia da Coruña, nun calendario final que será anunciado proximamente.