
O aumento do uso da lingua nas inscricións funerarias chega ás Mariñas
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A pregunta dun alumno para que o asesorase para pór en galego o epitafio do seu pai, en 1997, e a súa posterior investigación da aparición de lápidas nesa lingua en Burela foi a orixe do traballo de investigación Palabra e Memoria impulsado polo profesor Bernardo Penabade que esculca, coa axuda de máis dun cento de voluntarios, os camposantos da comunidade buscando o uso común do idioma nas últimas verbas. Un labor esperanzador en canto aos novos tempos que corren para a lingua, admite, mais moi irregular nunha Galicia que chegou a erradicar o idioma propio nas súas despedidas.
As pescudas de lápidas e nichos chegaron recentemente ás Mariñas da man do artista plástico Xoán Casal Vidal e do albanel Enrique García Vázquez. Penabade destaca que «a primeira das observacións foi feita en Bemantes (Miño), onde o idioma galego está presente en tres orixinais inscricións dun recinto que reúne propiedades de 243 familias». «O primeiro dos textos, unha versión galega da Salve mariñeira, foi o texto que marcou a entrada da versión escrita do noso idioma no recinto, que se reforzou en 2013 co lema “A alma da nosa xente forxa a espiña do universo”, colocado no pé dunha escultura que adorna o cemiterio; e en 2024 cun poema que Xoán Casal dedicou a súa nai», relata.
Voluntario exemplar
A partir desa primeira experiencia, Enrique García (Monfero, 1956), o albanel que se ocupa do mantemento de 38 cemiterios da comarca das Mariñas, asumiu ese traballo de investigación en 16 deles. Comezou polo de Perbes, onde rexistrou a entrada do galego escrito en 1996 e onde «tamén constatou a presenza do noso idioma na lembranza a Manuel Fraga Iribarne, desde xaneiro de 2012». Posteriormente, «realizou a visualización das inscricións de 915 familias de Callobre e Miño; 622 de Vilamateo, Torres, Goimil, Grandal, Doroña e Vilarmaior; 766 en Vila-Chá, San Fiz e Monfero; e 425 en Ambroa, Viña e Irixoa», remarca Penabade sobre a implicación de García Vázquez.
«As localidades que se sitúan á cabeza do uso da lingua galega para o recordo de persoas falecidas son Doroña, en Vilarmaior; e San Fiz, en Monfero, mais en ambos casos están lixeiramente por debaixo do 5 % da media galega e a moita distancia das comarcas do Barbanza ou da Terra Chá, onde se alcanza o 20 %», resume este filólogo, referente en cultura e integración.
Séculos escuros
«As cinzas da nobre María de Bolaño descansan na igrexa de Santa María de Meira nun sepulcro de pedra labrada en 1518, e as da escritora Rosalía de Castro están no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, desde 1891. Esas datas son referenciais porque representan o final dun ciclo (a etapa dourada) e o comezo doutro (o Rexurdimento) para a nosa cultura. Polo medio están eses 373 anos de séculos tan escuros que chegan a desaparecer palabras tan esenciais como “fillos” e “netos” nas inscricións de recordo aos familiares falecidos», resume Penabade. Remarca que trala estela de Rosalía houbo unha recuperación do galego nos epitafios, primeiro ligado á cultura, mais «aínda agora é extraordinaria entre a maioría da poboación». Despois da recollida de datos de case 60.000 familias, repartidas por 80 concellos, observa que a porcentaxe de inscricións funerarias en que aparecen as palabras en galego teñen tendencia emerxente. Este profesor precisa que o cambio produciuse nestes últimos anos e «débese ao relevo xeracional e á mellora na atención das empresas funerarias, tamén nas parroquias hai curas receptivos, non son moitos», di.
«Agora mesmo, é moi raro o cemiterio que non ten modelos de lápidas en galego. Oscila entre nada e entre o 22 % nunha parroquia do Concello de Pol, en Lugo e o 20 % en Rianxo», explica.
Penabade aposta pola intervención horizontal para lograr que isto mude. Recoñece o traballo de campañas como «En galego agora e sempre», pero non sempre chegan ás familias, que aínda atopan dificultades para escribir o derradeiro adeus.
Un mapa aberto á participación cidadá
O traballo recollido ata agora por ese fato de altruístas que visitan os cemiterios caderno en man na busca de panteóns en galego e comunicaN os achádegos ao equipo redactor trasládase en aberto a un mapa elaborado polo xornalista David Canto Veiga.
Penabade, que admite que lle gustaría alcanzar as máis de 3.700 parroquias en Galicia, amósase satisfeito con chegar ás 3.000 visualizacións dun mapa que se pode consultar en rede e que muda por un gran traballo colectivo.
«Estamos tendo bastante bo ritmo de información. Entre catro ou cinco concellos por semana», destaca, e mete a pulla de que «se aparecen catro ou cinco voluntarios como Enrique en dúas semanas enchemos o mapa». «Unha profesora acaba de facer todo o Concello de Meaño e outra case as 50 parroquias de Chantada...», loa, recoñecendo que na provincia de Lugo xa investigaron a metade dos concellos, sendo Ourense a provincia onde o traballo vai máis de vagar. Aínda que contan con tinguir a curto prazo todo o mapa coa aparición alomenos dun epitafio en galego en cada concello, o que da conta do pouso real nas inscricións en cada municipio é outro mapa, sobre a cartografía do uso do galego nos camposantos.