O BNG acusa á Xunta de permitir o baleirado da Casa Cornide da Coruña polos Franco 

La Voz A CORUÑA

A CORUÑA

César Quian

As restricións das visitas, limitadas a cinco persoas por quenda durante os luns, provoca que as prazas estean xa completas ata febreiro do 2026

10 ago 2025 . Actualizado a las 13:45 h.

A deputada e portavoz de Cultura do BNG no Parlamento, Mercedes Queixas, responsabiliza á Xunta de Galicia de «amparar coa súa inacción o que cualifica como un «novo espolio» da da familia Franco, tras constatarse que a Casa Cornide, na Coruña, foi baleirada de todo o seu mobiliario e bens materiais antes de abrirse ao público por primeira vez o pasado luns, dous anos despois da súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

O inmoble, situado na Cidade Vella da urbe herculina, foi declarado BIC no ano 2023, o que obriga legalmente aos seus propietarios a permitir visitas públicas. Porén, segundo denuncia o BNG, a apertura chegou con dous anos de atraso e nun contexto no que o interior xa non conserva nin os mobles nin elementos históricos vinculados á figura de José Cornide, ilustrado galego do século XVIII que dá nome á casa.

Na primeira visita institucional, celebrada o pasado 4 de agosto, deputados e representantes municipais puideron comprobar que as estancias están baleiras e que a distribución e a construción interior presentan modificacións que alteran o seu estado orixinal. Veciños da zona aseguran que xa advertiran destes cambios, mesmo achegando probas gráficas de furgonetas de mudanza entrando e saíndo do edificio en datas recentes, sen que a Xunta interviñese para protexer o patrimonio.

Queixas sostén que esta falta de actuación por parte da Consellería de Cultura «representa unha nova burla á sociedade galega e á democracia», e lembra que a familia Franco conta con antecedentes na apropiación e retención de bens patrimoniais, como o caso do pazo de Meirás, tamén obxecto de litixio.

Ademais, a deputada critica o que cualifica como un «réxime de visitas raquítico», xa que o acceso só se permite os luns, en horario de 9 a 13 horas, con grupos reducidos a cinco persoas por quenda e cunha duración máxima dunha hora. Esta limitación provoca que as prazas estean xa completas ata febreiro do 2026, segundo datos facilitados polo propio sistema de reservas.

O BNG vén de rexistrar unha iniciativa no Parlamento na que reclama explicacións ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Entre outras cuestións, pregunta se o Executivo autonómico considera que está garantido o dereito de acceso público á Casa Cornide, se a Consellería de Cultura coñecía o estado do inmoble antes da súa apertura e se se elaborou un inventario dos bens antes de ser declarado BIC. No caso de non terse feito, Queixas pregunta «por que razón se renunciou a esa tarefa sabendo da traxectoria da familia Franco en materia de espolios patrimoniais?».