Carmucha, a primeira ferramenta virtual de percusión galega «made in» A Coruña

Antón L. Eiroa / r. D. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Eduardo Pérez

Carlos Lijó e Miguel Ocampo lanzan de balde unha aplicación para achegar os ritmos tradicionais á produción moderna

20 ago 2025 . Actualizado a las 11:00 h.

Carmucha VST [siglas en inglés de Tecnoloxía de Estudo Virtual) é a nova ferramenta dixital, en forma de plugin, de música tradicional galega. Será unha realidade en setembro, co inicio do curso escolar e os festivais culturais, e os seus creadores son os músicos coruñeses Carlos Lijó e Miguel Ocampo, que se encargaron da parte do deseño informático e a recollida das percusións, respectivamente. Está pensada, din, para integrar os ritmos tradicionais na produción musical moderna.

Esta iniciativa naceu cunha dobre intención, afirma Lijó: «Queriamos crear algo novidoso (non había nada semellante orientado á produción) e homenaxear de paso á cultura galega». Aínda que si existían ferramentas de pandeireta, esta é a primeira especificamente deseñada para producir.

A interface virtual conta con dúas versións, unha delas a VST, pensada para a produción, compatible con outros programas, e unha versión independente de escritorio. As posibilidades que ofrecen ambas son escoller o fragmento, reproducilo, adecuar o tempo ou modular a ecualización.

O funcionamento deste plugin é «moi intuitivo», suliña Lijó. A instalación será moi sinxela, xa que é posible descargala desde a propia páxina web e poderase utilizar soa ou xunto a outros programas. Será unha ferramenta «moi accesible e totalmente de balde, non temos ningún tipo de ánimo de lucro», asegura o músico, que precisa que ademais é «moi sinxela e dinámica de usar».

Carmucha VST está pensada tanto para empregar como ferramenta de creación musical como nas escolas de baile, xa que «permite aos alumnos que están comezando a bailar adaptar o tempo para que o fagan máis amodo», comenta. Pero a aplicación tamén é extensible ás escolas de música, para os rapaces que están dando os primeiros toques de pandeireta ou tamboril. «É unha boa ferramenta para adaptar a velocidade e practicar diferentes ritmos», afirma.

A idea de Carmucha xurdiu hai relativamente pouco tempo, en xullo. Nese momento, Carlos Lijó pensou no seu colega Miguel Ocampo, de MOB studios, en Arteixo, que coñecía máis de preto os ritmos tradicionais porque «xa levaba moito tempo tocando en grupos», apunta. Pola contra, Lijó estivo moi vinculado ás orquestras.

Logo dese contacto inicial, pasouse á fase de deseño da ferramenta e gravación e masterización das mostras. O seu cocreador defíneo como «un proxecto moi ambicioso», que requiriu de moito traballo cas mostras e de desenvolvemento informático, polo que o dividiron entre os dous. Lijó confirma que «é un traballo bastante tedioso, porque hai que crear pouco a pouco cada patrón e integralo e programalo na ferramenta». Aínda así, están cos últimos remates e aseguran que están moi ilusionados porque «xa queda pouquiño para que saia».

Este tipo de ferramentas, das que non hai precedente en Galicia, «democratizan moito a creación de música», considera Carlos Lijó. Engade que «xa non é necesario saber tocar a pandeireta ou gravar a alguén, telo a disposición directamente no teu ordenador». Ademais, para el, o máis importante é que «siga crecendo a cultura galega e que Carmucha chegue a moita xente». Entre os comentarios que reciben, explica, o máis habitual é que xa facía falta algo así, porque non había nada semellante. A partir de agora, aprender e crear música en galego é un pouco máis fácil.

Como funciona a ferramenta?

Carmucha VST é unha interface dixital que permite engadir instrumentos de percusión tradicional a un proxecto de produción musical. O usuario da aplicación poderá acceder de balde a patróns rítmicos (muiñeira, pandeirada...) e arrastralos a calquera secuenciador, dispoñendo de controis dinámicos para potenciar cada golpe e de efectos integrados.