O BNG da Coruña denuncia o mal estado das calzadas e beirarrúas en Adormideras

T. R. A CORUÑA

A CORUÑA

Calzada e beirarrúa en mal estado en Durmideiras
Calzada e beirarrúa en mal estado en Durmideiras BNG A Coruña

Avia Veira pide ao Concello que repare os puntos máis deteriorados e actúe sobre os problemas de accesibilidade e mantemento no barrio

08 oct 2025 . Actualizado a las 13:02 h.

A concelleira do BNG na Coruña, Avia Veira, presentou unha batería de preguntas por escrito dirixidas ao Goberno local nas que chama a atención sobre o «deficiente» estado da calzada e das beirarrúas no barrio de Adormideras. Veira pregunta se o executivo municipal é consciente destes problemas e se ten previsto ordenar á empresa concesionaria do mantemento de firmes e vías públicas que acometa as reparacións necesarias nas zonas máis deterioradas.

A edil nacionalista tamén reclama actuacións urxentes noutros puntos do barrio, como na zona do aparcadoiro da praza de Branca Quiroga, onde denuncia problemas de accesibilidade, ou no control do arborado na área das palmeiras. Segundo Veira, «a ferruxe no peche e nos protectores da pista de patinaxe, así como os valados e cintas en mal estado que impiden o paso peonil na rúa Cutty Sark, fronte ao parque infantil, son mostras do abandono que sofre o barrio e que precisan dunha resposta inmediata por parte do goberno local».