O xuízo ao lobishome de Allariz e un plano de 5 metros do río Ulla, xoias do Arquivo do Reino de Galicia no seu 250.º aniversario

M. C. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Inauguración na Coruña da exposición conmemorativa do 250.º aniversario do Arquivo do Reino de Galicia cun espectacular plano do río Ulla no centro da sala
Inauguración na Coruña da exposición conmemorativa do 250.º aniversario do Arquivo do Reino de Galicia cun espectacular plano do río Ulla no centro da sala MARCOS MÍGUEZ

A institución coruñesa conmemora a súa fundación por Carlos III en 1775 cunha exposición de 61 documentos inaugurada este mércores polo conselleiro de Cultura

22 oct 2025 . Actualizado a las 15:21 h.

O Arquivo do Reino de Galicia presentou este mércores unha exposición conmemorativa do 250.º aniversario da súa fundación na Coruña o 22 de outubro de 1775 por Carlos III, «un rei moi adiantado para todos os que nos dedicamos á cultura, que se deixou convencer para fundar o que entón se denominou o Arquivo Público e Xeral de Galicia», apuntou a directora, Carmen Prieto, na inauguración da mostra.

A montaxe fai un percorrido histórico a través de 61 documentos e 16 obxectos que comprenden desde expedientes xudiciais e textos públicos, como os vencellados a Facenda, ao Goberno civil ou á Real Audiencia de Galicia —entre eles, a causa contra o lobishome de Allariz, Manuel Blanco Romasanta—, ata tombos de mosteiros, como o de Santa María de Sobrado de 1592, ou un espectacular plano do río Ulla de 5 metros de longo debuxado no ano 1800, que apareceu dobrado no interior dun legaxo e foi restaurado no laboratorio do Arquivo.

Ata o 30 de xaneiro de 2026, «o público poderá achegarse aos fondos a través dunha escolma de pezas coas que descubriremos escritos de grande interese e que agochan curiosidades que nos fan comprender acontecementos de épocas pasadas», sinalou na inauguración José López Campos, conselleiro de Cultura da Xunta, a Administración que xestiona o centro. Son unha representación dos algo máis de 550 fondos que custodia completada con fotografías estereoscópicas en visor, imaxes audiovisuais e outros documentos reproducidos nunha liña do tempo.