Os Concertos da Eclipse, o broche solar

Antón S. Rodríguez A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Numeroso público acudiu aos catro escenarios en vilas programadas pola Deputación da Coruña

14 ago 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Pasou a eclipse, pero seguiu a música. Os concertos organizados pola Deputación en catro lugares moi especiais da provincia foron todo un éxito sentimental. Logo de mirar ao ceo, moitos veciños baixaron un pouco a cabeza para ollar algún dos escenarios espallados pola provincia da Coruña.

Na alameda de Esteiro, en Muros, Milladoiro non puido enviar mellor mensaxe ao público. «Gozade da vosa música», sinalou Xosé Vicente Ferreirós. A agrupación interpretou a Foliada de Elviña, a alborada Abrente en Ortegal, ou a recreación dunha cantiga de Alfonso X o Sabio, que animou ao público muradán.

Na praia da Frouxeira, en Valdoviño, Luar na Lubre iniciou o seu concerto con Fonte do Araño, como homenaxe a Emilio Cao. Interpretaron os temas clásicos da banda antes de ofrecer ao público cancións do seu disco Lubre, 40 aniversario. O feitizo medrou aínda máis coa presenza da banda de gaitas Airiños de Fene, que estremeceu ao público con Memoria da Noite. Outro convidado foi o gaiteiro chileno Paulo Bahamondes Caamaño. O final do concerto foi unha comuñón máxica co público, que cantou o retrouso de Nau a todo pulmón. A cantante Cris López deulle unha volta máis á emoción dos presentes co tema Tu gitana diante dun campus stellae formado polas lanternas dos teléfonos.

Todos os concertos comezaron ás nove e media da noite. Treixadura presentouse ante un animado público que acudiu boa parte da tarde ao lago das Pontes, un dos escenarios elixidos pola Deputación da Coruña para celebrar a eclipse total. As voces desta agrupación foron moi aplaudidas, especialmente cos temas máis populares. 

En Fisterra baleirou o seu fol Susana Seivane ante unha veciñanza entregadísima ao son da gaita da cambresa e os seus acompañantes. Nun momento da máxica noite, Seivane baixou do escenario para mesturarse co público, facendo un espectáculo en comuñón nunha noite inesquecible que comezou mirando cara ao ceo.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, amosouse agradecido a público e artistas. «Vivimos un momento histórico: unha eclipse que quedará na memoria de todos nós, e quixemos acompañalo coa mellor música galega en varios municipios da provincia. Quero agradecer a implicación dos artistas desde o primeiro minuto e a gran resposta do público, que encheu os recintos habilitados en Valdoviño, Muros, Fisterra e As Pontes e participou nesta celebración».