O Arousa cede dous puntos máis ante un Arteixo mellor tras o descanso

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

ARTEIXO

Martina Miser

Rubo subiu o 0-1 no minuto 6 e Adri Otero o 1-1 no 36

13 ene 2024 . Actualizado a las 22:32 h.

O Arousa deu este sábado un novo paso atrás no seu empeño por recuperar o terreo perdido no seu nefasto primeiro mes de competición, deixándose outros dous puntos no campo dun Atlético Arteixo que inda non sabe o que é gañar esta temporada no seu propio feudo. Terceiro empate nos tres últimos desprazamentos do conxunto de Luisito Míguez, que queda á espera de ver o que este domingo son quen de facer Somozas e Silva ante os dous colíderes da competición, o Bergantiños e o Gran Peña Celta C; co Rápido de Bouzas, outro aspirante a desbancar o cadro arlequinado da zona de promoción de ascenso que pisaba por primeira vez esta semana, recortándolle este sábado de 3 a 1 os seus puntos de desvantaxe cun 1-0 sobre o Betanzos.

Partido moi intenso e físico o que protagonizaron Atlético Arteixo e Arousa sobre o céspede natural de Ponte dos Brozos. Un esforzo titánico, que o Arousa despregou en forma de presión alta, que tan só serviu na primeira parte para anular os ataques dun e doutro, máis aló dalgún que outro achegamento sen remate, puntuais accións a balón parado e os dous tantos, un por bando. O primeiro, o que asinaba Rubo no minuto 6, rematando no segundo pau e afastado da portería, case en prancha, unha falta lateral botada por Concheiro, sen dúbida o mellor home do encontro. Media hora despois, un balón filtrado por Fabio a Adri Otero vendo o seu desmarque de ruptura rematou con este finalizando tan escorado, que mesmo sorprendeu o seu adestrador cando o seu disparo se colaba entre Manu Táboas e dous centrais arlequinados para entrar na portería.

Os axustes do técnico local, Juan Riveiro, no descanso, déronlle o control do esférico ao Atlético Arteixo na segunda metade. E agás o remate de Sylla nun centro lateral que José Hevia houbo de sacar co pé ante a anticipación do dianteiro africano, as mellores ocasións foron locais. Os coruñeses xeraron suficientes chegadas con marchamo de gol para levar o partido. A máis clara, arredor do minuto 65, con catro remates na mesma acción, dous repelidos por Manu Táboas e outro por Martín Sánchez, para acabar vendo o lateral esquerdo local, Manu, enviando o esférico preto do longueiro.

Luisito considera que o «o partido puido caer de calquera lado». O seu homólogo no Atlético Arteixo, pola contra, sostivo tras o choque que o resultado debería ter sido un triunfo para o seu equipo que pola contra, di, se está acostumando á súa condición de rei do empate da Liga (9).

FICHA DO PARTIDO:

ATLÉTICO ARTEIXO (1): José Hevia, Manu Rivas (Vela, min 80), Fito, Antonio, Edu, Adri Otero, Sergio Pereira, Óscar, Fabio (Iker Castro, min 71), Pais (Ramos, min 60) e Cañi (Naya, min 71). 

AROUSA (1): Manu Táboas, Santi Figueroa, Martín Sánchez, Diego Enjamio, Cotilla, Concheiro (Brais Pedreira, min 79), Martín Diz (Javi Pereira, min 86), Iñaki Martínez (Dani, min 56), Rubo (Mella, min 56), Borja Míguez (Brais Vidal, min 79) e Sylla. 

GOLES: 0-1, min 6: Rubo. 1-1, min 36: Adri Otero.

ÁRBITRO: Iván García. Amonestou os xogadores locais Fito e Ramos.