![](https://img.lavdg.com/sc/qYT3Xu_0frtRQrNdcMdmWX0Abis=/480x/2025/01/31/00121738340402257151516/Foto/j_20250131_120743000.jpg)
Ilustrísimo señor alcalde de Arteixo, eu falo galego desde neno porque nacín nun fogar galeguista e o galego era o idioma da familia. Son autor do primeiro curso de galego en prensa escrita, dirixín o curso radiofónico do Instituto da Lingua Galega, fun guionista e director do único curso de galego que impartiu a TVG, e en galego escribo libros e artigos. Porén, discrepo cordialmente das razóns que vostede expón para xustificar o envío ao Ministerio de Transportes dun documento escrito en galego e da cualificación de «surrealista» que dá á resposta. Claro que os funcionarios do ministerio poden botar man dos tradutores que Google ofrece nos ordenadores e claro que en Galicia teñen colegas aos que consultar en caso de dúbida; pero por que esas molestias se temos o idioma castelán para entendérmonos entre comunidades? De que nos vale a regalía do bilingüismo? Que vai conseguir vostede, señor alcalde, e que imos conseguir os galegofalantes coa súa iniciativa, máis que facérmonos antipáticos aos funcionarios do ministerio e darmos argumentos a Vox? A resposta de Transportes non é surrealista. Seríao se lle dixesen: «Hábleme cristiano», pero non fan tal e ao lle recordar que hai leis que cumprir, actúan con pura lóxica.
Cóntolle unha anécdota. Onte levei unha alegría ao atopar en internet a crónica da viaxe que en maio de 1934 fixo o Coro Toxos e Froles de Ferrol a Barcelona. Recibírano no Concello o alcalde Pi i Sunyer e no Palau de la Generalitat o president Companys, ambos de Esquerra Republicana, e nas dúas recepcións o coro cantou Els Segadors en catalán e o himno galego. Nas fotos está o meu irmán, de doce anos, membro do grupo de teatro e protagonista dun dramón de enorme éxito, quen ao remate da xornada poría un ramo de flores na tumba de Macià. Todo moi emotivo e moi nacionalista, pero os oradores, para facérense entender, interviñeron en castelán. Non foi así noutro acto, tamén en Catalunya e polo mesmo tempo, no que participou como galego un tío avó do meu amigo Isidoro. Alí, un catalán botou un discurso en catalán e un vasco en éuscaro, e o tío avó do meu amigo, que non ía preparado pero era home de recursos, subiu ao estrado, ollou o auditorio sen pestanexar ata que impuxo o silencio e, con voz rouca e remoendo as sílabas, preguntou: «Que din os rumorosos na costa verdescente ao raio transparente do prácido luar?». Novo silencio e nova pregunta: «Que din as altas copas de escuro arume arpado…?». O dos «féridos e duros» díxoo a berros e co puño en alto, e foi o delirio.
Se, como parece, anda vostede sobrado de entusiasmo, folgos e amor ao galego, non queime a pólvora en salvas, señor alcalde. Seguro que ten outras frontes máis rendíbeis.
Reciba un saúdo moi cordial.