O BNG urxe a mellora da AC-161 ao seu paso por Bergondo

La Voz

BERGONDO

Google maps

«A situación desta estrada é cada vez máis insostíbel: o firme atópase moi deteriorado, a sinalización é deficiente», di David Carro

28 jul 2025 . Actualizado a las 19:02 h.

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de axilidade da Xunta dante o deterioro da estrada AC-161 ao seu paso por Bergondo, unha vía de alta intensidade de tráfico que conecta este municipio cos concellos veciños de Sada e Betanzos. En resposta a unha iniciativa parlamentaria da deputada do BNG, Mercedes Queixas, o Goberno galego sinalou a existencia de problemas no firme pola presenza de acometidas de saneamento e pluviais, e que, por este motivo, se está a «traballar co Concello de Bergondo». Con todo, o BNG cuestiona que non se concreta ningunha actuación nin prazo de execución.

«A situación desta estrada é cada vez máis insostíbel: o firme atópase moi deteriorado, a sinalización é deficiente —especialmente nos pasos de peóns— e a velocidade excesiva de moitos vehículos supón un risco constante, sobre todo nos tramos de baixada», advertiu o portavoz do BNG en Bergondo, David Carro. «A Xunta leva anos sen actuar e a veciñanza está farta de agardar», lamentaba o portavoz.

Pola súa banda, Mercedes Queixas lembrou que «a responsabilidade do mantemento da AC-161 é da Xunta, e non pode escudarse en problemas técnicos ou coordinacións co goberno municipal para evitar adiantar prazos poñéndose de perfil ante este problema». A deputada nacionalista advertiu de que a estrada presenta múltiples deficiencias no que a seguridade viaria respecta, tanto para vehículos como para peóns.

«Desde o BNG seguiremos a presentar iniciativas para esixir solucións urxentes e lembrar á Xunta que Bergondo tamén existe e merece infraestruturas dignas e seguras», concluíu Queixas.