Hoxe comeza a Semana da Custodia do Territorio e Conservación, con inauguración no edificio Liceo de Betanzos, onde se debaterá sobre os posibles retos na preservación da biodiversidade na comarca. Un dos corresponsables é Juan Neira (Bergondo, 1962), secretario da asociación Fragas do Mandeo.
-¿Hai concienciación na poboación sobre a declaración de Reserva da Biosfera?
-A día de hoxe é difícil porque non se están poñendo os medios. Hai moita confusión sobre o que é. Nós dende a Semana da Custodia buscamos dar pautas para coñecer o noso hábitat e conservalo, compatibilizar a vida das persoas co entorno no que viven.
-¿A crise económica freou a concienciación polo medio ambiente?
-Así é, sobre todo entre os responsables políticos, que liman as partidas orzamentarias neste eido.
-Unha das actividades da Semana é a limpeza de praias e ríos. ¿Que é o máis sorprendente que ten atopado?
-Pneumáticos hai moitos, e incluso sacos con latas ou plásticos que levan a lo menos dez ou quince anos.
-Sobre plantas invasoras ¿qué hai máis alá do plumacho?
-Chegamos a recoller 140 quilos de crocosmia, un gladíolo de Sudamérica. E hai moitas máis especies.