
O pósito de Lorbé denuncia que o porto sufre aínda os danos dos temporais do 2014, que van obrigar aos barcos a desprazarse
01 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O patrón maior da Confraría de Pescadores de Lorbé, Emilio Méndez, di que xa nin lembra cando foi a última vez que Portos de Galicia acometeu unha actuación importante nos peiraos oleirenses, onde ademais dunha ducia de barcos de pesca descarga todo o mexillón da ría de Sada e Betanzos. «Debeu de ser o tren de fondeo novo... 4, 5, 6 anos, non sei», dubida Méndez, mentres lamenta que esta instalación fora gravemente danada polos temporais de 2014 e Portos non fixera nada aínda para reparala.
-¿Como están as instalacións a día de hoxe?
-Están como cando pedimos melloras por primeira vez: pedimos ampliar o peirao, dragar porque se perdeu moito fondo, o tren de fondeo sigue igual despois das mareas, que moveron todo... e seguimos así.
-Pero despois de todos os temporais, ¿non se fixo nada?
-Nada, nada. Mira, fomos a Santiago e creo que tivemos catro reunións co presidente de Portos, José Juan Durán Hermida. O único que quitamos en claro desas catro reunións foi que cambiaron a bombilla da boia de entrada do canal, que estaba fundida.
-¿Unha bombilla?
-E que nos levantaran a outra boia que estaba no fondo. Levantárona e levárona. Non volveron a poñela no sitio.
-¿E a ampliación do atraque?
-Hai que ampliar o espigón. Parece mentira que coa industria que hai aquí en Lorbé, con dous lanchóns do mexillón se ocupe xa todo o peirao de atraque.
-¿Que consecuencia está tendo iso para o sector?
-Por exemplo, co do tren de fondeo, vai vir o inverno e vai haber que marchar a A Coruña ou para Sada. Cada vez marchan máis porque ao estar o tren de fondeo movido, tócanse os barcos. E o mal tempo xa o temos aí á porta da casa...
-¿Que alternativas vos dan?
-Nada. Sempre: «Si, si, imos mirar, facer estudos...», pero nada máis. Mira, temos aí un pantalán que estase desfacendo. Unha das últimas veces que fomos alí dixemos: mira, cun pouco de diñeiro amañades e poñédelo ben. Se non, dentro de un ano o que vai haber é que tirar con el e meter un novo, e vai ser máis custoso. Pero da igual. E ese pantalán da moito servizo...
-¿Por?
-Nós aquí, de marea baixa, se traemos a un home ferido podemos botalo só por ese pantalán, porque non hai unhas escaleiras no peirao, non hai nada. Teñen todo abandonado.
-Parece que polo menos van facer xa o enlace da vía Ártabra...
-Déixame que dubide diso aínda. Tamén iso nas reunións que fomos dixémolo, porque esa baixada é tercermundista. Sempre din que se vai acabar. Agora din que si, din, pero eu heillo de crer cando o vexa.
-E a centola de cara ao Nadal, ¿como vai?
-A festa [a segunda edición da exaltación deste marisco] que organizamos foi moi ben: vendeuse todo o material e a xente marchou moi contenta. Pero agora a centola desapareceu. Está pasando nos últimos anos: hai moito a primeira semana e despois xa falla de repente. Iso si, de moito prezo, debido a que non hai.
-¿Pero canto collen?
-Home, hoxe pouquiño. Por exemplo, nós collemos 60 quilos dela e o tope que me toca a min son 170. Como di meu avó, moitos demos para pouca auga bendita.