O historiador Xabier Moure foi un dos que alertou sobre a agresión a dúas mámoas no monte do Gato xunto ao investigador Luis S. Seoane. Moure e é un bo coñecedor destas necrópoles en toda Galicia.
-¿Que papel deben tomar ante este tipo de agresións ao patrimonio?
-Lamentablemente, agás casos illados, as Administracións públicas non o saben ou mesmo permiten estes atentados, incumprindo así coas leis sobre a protección destes bens arqueolóxicos.
-¿Que valor representa o legado megalítico na comarca de Betanzos con respecto ao global de Galicia?
-Na comarca contabilizamos 175 cemiterios megalíticos que acollen centos de enterramentos que, aínda que non son os máis espectaculares, si ocupan un dos primeiros lugares en canto ao número de necrópoles, só detrás da Terra Chá (274) e Deza (241).
-¿Son habituais as denuncias?
-Día a día estanse a facer. Non vou citar a todas as persoas que a título individual e colectivos está a traballar pola defensa do patrimonio, pero si me gustaría destacar o labor do Grupo de Arqueoloxía da Terra de Trasancos, que comunican as agresións ás autoridades.