As librarías da cidade conmemoran a festividade de hoxe con presentacións literarias, recitais poéticos e xogos
17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Toda a cidade celebra o Día das Letras Galegas con actos de homenaxe a Carlos Casares repartidos polos distintos currunchos da urbe e as súas librarías e bibliotecas. Ás 12.00 horas terá lugar unha lectura colectiva de textos do autor dende o balcón do pazo municipal de María Pita. E ás 19.00 horas no Campo da Leña celebrarase unha gran foliada que culminará coa actuación de Xabier Díaz e Adufeiros do salitre. Pero hai moito máis que facer neste día festivo.
Libraría Azeta
Xogos na Cubela
Azeta é un dos puntos máis activos na celebración desta data. Onte tiveron unha representación teatral a cargo dos alumnos do Concepción Arenal e organizaron un roteiro literario e musical polos bares da zona da Cubela. Hoxe programaron unha xornada de xogos infantís con libros en galego dende as 11.00 horas e unha actuación da banda de gaitas Xebre.
Libraría Formatos
Recital poético
Xavier Alcalá falará sobre a figura de Carlos Casares ás 12.30 horas na libraría de Fernández Latorre. Haberá tamén un recital a cargo de Pedro Casteleiro, Estíbaliz Espinosa e Xavier Seoane. Ademais haberá un convite a un vermú galego Nordesía.
Libraría Cascanueces
Libro de Ramón Loureiro
A libraría da rúa Cordonería acolle ás 12.00 horas a presentación de Casares, libro sobre o autor homenaxeado escrito por Ramón Loureiro.
CAmbre
O gato «Samuel»
A partir das 13.00 horas, no parque da Igrexa de Cambre, se renderá homenaxe ao gato Samuel, ao que tantas columnas dedicou Casares, ao que están invitados todos os amantes das mascotas. Por outra banda haberá unha festa infantil nesta praza pola mañá e outra ás 18.30 no parque Ramón Barba.
Betanzos
Viaxe con Soledad Felloza
O cine Alfonsetti é o escenario dunha actividade para os máis pequenos no que Soledad Felloza introducirá aos nenos no mundo de Carlos Casares, cheo de galiñas azuis, laranxas máxicas e polbos que percorren as rías. Será ás 18.30 horas. Antes, dende ás 11.00 horas e ata ás 21.00, a praza da Verdura acolle una exposición e venta de libros e unha lectura continuada de textos organizada pola libraría Biblos, na que tamén haberá actuacións musicais.
Sada
«Menú da Noite»
Carlos Blanco e Luis Davila levan o espectáculo de humor Menú da Noite ata a casa da cultura Pintor Lloréns, hoxe ás 20.00 horas (entradas a 3,50 euros). Ademais, os clubes deportivos do municipio sadense estrean un vídeo de apoio á lingua galega chamado Fala, buguina!, que se colgará das redes sociais do concello.
Oleiros
Cine en galego
O auditorio A Fábrica acolle a proxección da película A praia dos afogados ás 19.30 horas. Entrada de balde con invitación.