Carmela González Boo: «Votamos moito en falla aos máis pequenos»

M. R.

BETANZOS

Toni Silva

A responsable da libraría Biblos de Betanzos cre que a lectura «é un bo refuxio para alma nestes tempos»

10 ago 2020 . Actualizado a las 09:08 h.

«A lectura é un bo refuxio tamén para a alma, nestes tempos nos que andamos a procura de refuxios». Isto reflexiona Carmela G. Boo responsable da libraría Biblos, de Betanzos. Pouco a pouco foron volvendo á actividade e a finais de xullo, o día 24, «por fin celebramos o Día do Libro do xeito que nos gusta en Biblos: levando os libros á praza do Lanzós e conversando con autoras e autores», contaban nas súas redes sociais. A pandemia fixo que o Día do Libro se celebrara con dous meses de retraso.

-¿Como vai esta nova normalidade?

-Pois reabrimos a principios de maio e funcionamos co horario habitual e con distintas modalidades de actividades. Durante o tempo de confinamento fixemos o esforzo de facer os envíos de libros para manter os clientes. Nós corriamos co custo do envío, pero cremos que pagaba a pena lembrar que somos unha libraría de proximidade.

-¿Está volvendo a vir a xente á libraría?

-Notamos a presenza da xente que viña habitualmente, a de Betanzos e da contorna. Votamos moito en falla aos máis pequenos, aínda comentamos un destes días que é como se desapareceran, como se marcharan todos.

-¿Cambia moito a xente que ven nestes meses de verán?

-Vemos menos caras de xente que ven con regularidade. Moita xente de Betanzos que vive fóra aproveita para vir á libraría pero este ano estamos notando que veu menos xente de fóra que outras veces.

-¿Como influíu a pandemia na actividade?

-Os lectores e lectoras comprometidas foron facendo acopio de libros para ler, aproveitando que tiñan máis tempo. É xente habitualmente lectora. E agardemos que non se perda o pequeno remonte do libro en papel.

-¿Había un remonte antes de que chegara o coronavirus?

-Si, unha pequena recuperación, polo menos na libraría notamos ese remonte.

-¿Que libros recomenda para ler este mes de agosto?

-Pois en Betanzos está funcionando ben a novela de Xesús Fraga Virtudes (e misterios) (Galaxia) que é a historia da súa saga familiar. Outro que recomendo é O libro da filla (Galaxia), de Inma López Silva. E como imos andar por aí polas praias a Guía dos moluscos mariños de Galicia é moi interesante.

-¿E en castelán?

-Pois o ensaio El infinito en junco: la invención de los libros del Antiguo Mundo (Siruela), de Irene Vallejo. E Historias antieconómicas, de Carlos Taibo.