O Concello de Betanzos colocou unha placa para honrar a figura deste médico moi coñecido en toda a comarca
02 dic 2024 . Actualizado a las 19:39 h.Recentemente o Concello de Betanzos, o meu benquerido concello natal, colocou unha placa en recordo da figura e labor de Jesús Gundín Hurtado, o Doutor Gundín, como sempre foi coñecido en Betanzos e a súa comarca. Precisamente ao propósito desta placa, situada nas proximidades do seu último consultorio, quixera evocar a súa impronta na saúde dos betanceiros ao longo dos últimos sesenta anos do século XX.
Nado en Zarza a Maior, na franxa mas occidental da provincia de Cáceres, xusto no seu límite con Portugal, licenciouse en Medicina na Facultade de Salamanca. Chegou a Betanzos no ano 1940, xusto terminada a guerra incivil, como el a nomeaba. Comezaba nese momento o seu inconmensurable labor como médico ata finais de século.
Dende a perspectiva persoal, foi a partir da idade de 6 ou 7 anos (1966-67) cando comecei a ter conciencia do Doutor Gundín. Recordo a súa figura impoñente, o seu constante movemento e o seu chamativo e particular, dende o meu punto de vista naquel momento, acento e forma de falar. Como esquecer as súas visitas á nosa casa para atender aos meus pais, irmáns ou a min mesmo. Ou cando iamos ao seu consultorio, inicialmente na rúa do Valdoncel e posteriormente na do Rollo de Betanzos, ao longo de máis de 50 anos. En calquera caso, a súa actitude era para min a dun todopoderoso, sempre resolutivo e sen deixar ningún cabo solto no posible devir da enfermidade. Posteriormente, e co que podía intuír a partir dos comentarios dos meus pais, xa conseguín entrever o enorme e firme compromiso ético e social que lle caracterizou ao longo de toda a súa vida. Excelente no profesional e extraordinario na súa integridade.
O seu espírito científico e as súas virtudes de traballador infatigable e estudoso pertinaz constituíron, máis tarde, un referente tanto na miña etapa de estudante como unha vez licenciado. Pero non só para min, senón tamén para un bo número de profesionais dos máis diversos ámbitos da medicina. Neste senso, creo non trabucarme ao afirmar que poderíamos consideralo un verdadeiro mestre no máis amplo senso da verba. Os doutores Juan Suárez Barros, Ramón Calviño, Tucho Asensi, Francisco Allegue e a doutora Isabel Perales, sen dúbida ningunha, poderán confirmar esta afirmación. Indubidablemente a súa admiración polos doutores Jiménez Díaz e Nóvoa Santos influíu no seu carácter e mentalidade. Non só no plano estritamente profesional, senón tamén na faceta máis persoal.
Abordaba a enfermidade dende a perspectiva fundamentalmente clínica, facendo fincapé na anamnese e na exploración física. Sen renunciar ás exploracións complementarias (analítica, raios X, electrocardiograma...) das que dispoñía na súa consulta. Porén, ao mesmo tempo incorporaba a perspectiva social no seu procedemento diagnóstico. Non esquecía que calquera persoa enferma se desenvolvía nun determinado contexto familiar, laboral ou social que, dalgún modo, condicionaba a súa propia patoloxía, e que dende ese prisma tamén era preciso intervir terapéuticamente.
A literatura era a súa outra paixón. Posuía unha excelente e completa biblioteca na que os autores británicos e rusos do século XIX (Chesterton, Wilde, Chejov, Dostoyevski, Tolstoi) contribuíron a configurar a súa dimensión humanista. Comentarios e referencias ás súas obras durante o tempo que permanecín na súa consulta eran habituais no noso quefacer profesional diario.
E como non evocar a última vez que o visitei. Foi na súa casa de Plasencia, a tarde do mércores santo de 2010. Estaba a piques de cumprir os 94 anos. Con motivo dunha estupenda merenda, compartimos lembranzas e emocións imborrables e trouxen na memoria para sempre a un excelente médico, mellor persoa, e grandísimo mestre e amigo.