O Vilalonga remata goleado polo descendido Betanzos (0-3) e métese nun gran lío

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

BETANZOS

MONICA IRAGO

Os de Alberto Mariano pagaron o seu nerviosismo e xa non dependen de si mesmos para evitar o descenso nas dúas últimas xornadas de Liga

01 may 2025 . Actualizado a las 21:12 h.

O Vilalonga deixou a primeira hora da tarde deste xoves de depender de si mesmo para manter a súa actual praza na Tercera RFEF, meténdose nun lío de proporcións colosais. Ata o punto de que a goleada, 0-3, dun Betanzos xa descendido e pechacancelas da Liga pase o que pase nas dúas últimas xornadas do campionato podería acabar cos ósos do conxunto celeste de volta na Preferente Autonómica xa este domingo se non gaña no campo do Gran Peña, coa auga tamén ao pescozo.

Xa advertira na véspera o adestrador local, Alberto Mariano, do perigo dun Betanzos que levaba dous meses competindo moi ben, e o partido da xornada 25 adiado hai case un mes deulle a razón. O cadro visitante soubo protexerse ben incrustado en bloque baixo vendo pasar as ocasións do seu anfitrión no Novo San Pedro ata que chegou a súa hora. Mentres o Vilalonga fallaba varias oportunidades para abrir a lata, algunha, como unha de Josiño, na que só tocaba empurrala dentro, o Betanzos aproveitou as súas dúas primeiras contras para sentenciar entre os minutos 50 e 64 con goles de Sito Pais e de Murilo. O 0-3 de Álex Martínez no 89 resultou o escarnio dun Vilalonga que non merecía tal castigo, pero que pagou a súa evidente ansiedade e tensión por ter que gañar.

FICHA DO PARTIDO:

VILALONGA (0): Rodri, Juan Barbeito (Iker Villanueva, min 66), Nico, Diego Abal (Monchito, min 55), Rachu (Iago Portas, min 66), Marcos Blanco, José Filgueira, Jesús Barbeito, Tomás (Hugo Abalo, min 55), Dieguito e Wachi. 

BETANZOS (3): Brais, Carneiro, Berto (Murilo, min 56), Manu Barbeito, Juan de Dora, Sito Pais (Ángel, min 56), Iago López, Coba, Domínguez (Gilsanz, min 66), Couce (Álex Martínez, min 66) e Adri Casariego. 

GOLES: 0-1, min 50: Sito Pais. 0-2, min 64: Murilo. 0-3, min 89: Álex Martínez.

ÁRBITRO: Iván Abel. Amonestou os locais Tomás, Nico e Diego Abal e os visitantes Manu Barbeito e Casariego.