Serán o 27 de setembro e actuará o Grupo Balteira
23 sep 2025 . Actualizado a las 11:58 h.A Asociación Cultural Pesquedellas celebra a quinta edición dos seus Xogos Florais betanceiros o vindeiro día 27 de setembro no café Lanzós e na Praza da Constitución. Este grupo de rapazas betanceiras vén traballando dende 2019 para investigar e difundir o folclore galego, centrándose no da comarca.
O título desta edición é Vivan as do meu lughar-e! e inclúe un Slam de poesía, un concurso literario e a actuación do Grupo Balteira.
«Os Xogos Florais foron, seguramente, o evento de creación literaria que máis importancia tivo na vila de Betanzos, razón pola cal, a asociación quixo recuperalo, mais dándolle unha volta para actualizalo. Neles, diversos autores presentaban obras ou composicións literarias cunha finalidade artística, pero tamén con vontade de defender a lingua e a cultura galegas», explican dende a entidde.
A xornada do sábado 27 de setembro comezará ás 12.00 horas co Slam Poético, a versión das Pesquedellas do concurso literario e que dá sentido a toda a celebración. Nel, cada participante disporá de 3 minutos para recitar en directo unha composición de autoría propia e o público será o xurado. A lingua desta creación literaria deberá ser o galego e dentro do poema debe haber, polo menos catro versos que cumpran a métrica tradicional galega: versos de oito sílabas con rimas nos versos pares. Para pechar este acto, as Tocadoras do Alprende amenizarán a sesión vermú.
Cara á noitiña, ás 21.00 horas, celebrarase a entrega de premios do concurso poético e, a continuación, pecharase esta última edición coa actuación e estrea do Grupo Balteira. Tanto as bases para o Slam Poético coma toda a información sobre esta edición dos Xogos Florais están dispoñibles nas redes sociais do Proxecto Pesquedellas.
Esta nova edición celebrarase coa colaboración do Concello de Betanzos e co apoio do Café Lanzós, o cal acollerá tanto o Slam de poesía como a actuación das Tocadoras do Alprende, mentres que o peche da xornada terá lugar na praza da Constitución, co Grupo Balteira.