Carral entrega a Branca Trigo o Premio de Poesía do Concello por «Especies invasoras»

La Voz CARRAL / LA VOZ

CARRAL

A poeta viguesa Branca Trigo recolle o premio Concello de Carral
A poeta viguesa Branca Trigo recolle o premio Concello de Carral .

A viguesa recibe 3.500 euros e a súa obra gañadora será editada por Espiral Maior

31 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A viguesa Branca Trigo Cabaleiro recibiu este venres o galardón que a acredita como a vixésimo oitava gañadora do Premio de Poesía Concello de Carral. Coa súa obra Especies invasoras, a autora conquistou aos membros do xurado desta convocatoria, que elixiron o traballo de xeito unánime. A entrega levouse a cabo nun acto que serviu como broche de ouro para o certame carralés. Na cita presentouse, así mesmo, A pel do exilio, o traballo co que Silvia Penas Estévez venceu no ano 2024.

Á entrega acudiu o alcalde, Javier Gestal; os membros do goberno e da corporación municipal do Concello de Carral; Armando Requeixo, membro do xurado nesta 28.ª edición; o poeta Anxo Mena e as vencedoras desta e da pasada edición, Branca Trigo Cabaleiro e Silvia Penas Estévez, respectivamente. O acto foi conducido polo técnico de Cultura Carlos Lorenzo.

Durante a súa intervención, o rexedor felicitou a ambas poetas, destacando que os seus traballos contribúen «a que Carral siga sendo un auténtico referente neste xénero».

A cita incluíu a actuación O Ritual, a cargo de Constance Hurlé. Durante a mesma, a artista convidou ao público a formar parte dunha especie de cerimonia na que a poesía, a danzateatro e a bruxería se mesturaron. O evento concluíu cun recitado de poemas do libro A pel do exilio por parte de Silvia Penas, así como coa sinatura de exemplares por parte da autora.

Branca Trigo Cabaleiro (Vigo, 1997) é poeta, editora e dinamizadora cultural. Codirixe Edicións Malafera, onde publicou os libros Coñecemento do Medo e trans0, así como varios fanzines. É tamén autora do poemario Condolore e participou en diversas publicacións colectivas como Alguén nos lembrará ou Gótico urbano. Ademais de levar un premio de 3.500 euros, Trigo verá publicado o poemario gañador dentro dun ano a cargo da editorial Espiral Maior.