Igual que corren os bicos

A CORUÑA CIUDAD

V eño de visitar ao meu amigo Xoán Xesús, que está no hospital a recuperarse, e dime que lle leve libros. Decídome por dous clásicos contemporáneos: Os mortos daquel verán, de Carlos Casares, que hai dez anos que nos deixou e que neste mes de agosto cumpriría 71, e Esperando o leiteiro, a última novela de Neira Vilas, que con 84 anda cheo de vida.

Na cidade da Coruña celébrase por estas datas a Feira do Libro. A feira coruñesa é, sen dúbida, o espazo de relación máis importante do mundo editorial galego, por riba das outras feiras e sen desmerecer ningunha. Libros, libreiros, lectores? É un mérito que os coruñeses conquistaron hai tempo, coas casetas aqueladas nos Cantóns, o tempo caprichoso, coma sempre, que vai non vai, as familias a petiscar nos mostradores? E os lectores. Sobre todo, os lectores. Sen lectores non hai libros. Primeiro foron os lectores (a necesidade) e logo os escritores (a resposta a esa necesidade), mesmo dende antes da invención do alfabeto, cando a tribo se arreconchegaba arredor da lareira.

Digo lectores (masculino gramatical) e inclúo tamén as lectoras, por suposto, igual que as escritoras. Non se trata de encher o artigo de arrobas (@). Dun tempo para acó, e cada vez máis decididamente, o hábito (a paixón) de ler ten xénero feminino. Non falo só de xénero gramatical. Lectoras e escritoras. Estas últimas constitúen, tamén na literatura galega, un dos fenómenos máis estimulantes das últimas décadas. Ou mesmo editoras, outra característica emerxente, en Europa e en América. Cada vez máis, repito, o libro (a lectura) é territorio delas.

O meu amigo Xoán Xesús pídeme libros para acompañar a convalecencia. Nestes tempos de escaseza, onde unha gran maioría de familias teñen que apretar a economía e seica renunciar ás vacacións, ¿que mellor compaña ca un libro, a lectura á sombra da viña, no toldo da praia, no agarimo cómplice dunha tardiña morna? Libros para mercar, que segue a ser o produto máis barato, e libros para prestar, para pasar de uns a outros, igual que corren os bicos, as caricias, as palabras de amor, os desexos? Non só esas lecturas que nos venden para consumir (de usar e tirar), que se cadra tamén, pois hai ocasión para todo. Propóñolles principalmente as outras, xa que temos tempo por diante: esas que levan meses agardando enriba da mesa de noite ou no andel da biblioteca. Lecturas para a evasión, mais tamén para a reflexión, para a información, para a discusión, para o debate? Os clásicos sempre están aí. De amicitia de Cicerón, que me agasallou o meu amigo Trigo. Otero Pedrayo, que ás veces é tan brillante que dan gañas de parar a aplaudir. Cunqueiro... O Ruedo ibérico de don Ramón del Valle-Inclán, tan escandalosamente próximo. Jorge Amado, Eça de Queiroz, Thomas Mann, Absalón, Absalón de W. Faulkner? E lecturas para explorar, para arriscar novas descubertas. Ando estes días ás voltas con Olladas de Adelaida Vidal (Sotelo Blanco). A autora ten 26 anos. Cando remate heilla pasar ao Xoán Xesús, a ver que lle parece.