O libro póstumo de Fernández Ferreiro, con 90 relatos, publicarase este ano

X. M. R. / R. G. OURENSE / A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Paco Rodríguez

O escritor deixou corrixida a obra «Ulcis» e empezada outra sobre os afiadores

13 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi un pioneiro en moitas cousas. E por riba de todo un home bo, inquedo, amante da conversa e un namorado das terras de Espartedo (Nogueira de Ramuín) e de toda a Ribeira Sacra. E, como non podía ser doutra maneira, dos homes que van detrás da roda e da linguaxe secreta dos afiadores: o barallete. Das conversas deixou pegada nas cafeterías da Coruña nas que, despois de xubilarse como xornalista de La Voz de Galicia, participaba habitualmente en faladoiros con outros autores, nomeadamente con Manuel Álvarez Torneiro. Xosé Fernández Ferreiro (Espartedo, 1931 - A Coruña, 2015) finaba hai pouco máis dun ano e para este 2017 prepárase a publicación da súa obra póstuma Ulcis e tamén é moi posible que se reediten algunhas das súas novelas máis sobranceiras xa que algunhas delas xa non é posible atopalas.

Con Fernández Ferreiro desaparecía a persoa que participou en proxectos emblemáticos para Galicia, como o colectivo Brais Pinto -a quen el deu nome inventando un suposto afiador das súas terras que tería morto traxicamente en Madrid, cidade onde aqueles estudantes galegos creaban este grupo literario nacionalista-, e abriu novos camiños con propostas como a primeira novela do oeste en galego ou a obra que manterá na historia unha das loitas emblemáticas dos galegos contra a expropiación das súas terras: Morrer en Castrelo de Miño (1978).

  

Dos fuxidos a Brigitte Bardot

Este grande amante do cinema, encetou como poeta con Ribeirana do Sil (1952) e rematou novelando a guerra, os fuxidos e toda unha realidade que tivo a súa última entrega co título Tempo de centeo (2009). E polo camiño foi contando aos seus lectores da Corrupción e morte de Brigitte Bardot (1981), do Minotauro (1989) ou de O último paraíso (2001). Unha serie de títulos que terán continuidade nun futuro próximo e que virán da man da súa editora de sempre, Xerais. Segundo o seu herdeiro literario, o escritor Francisco X. Fernández Naval, o finado Fernández Ferreiro deixou rematado un libro de 90 relatos. Entre o material do escritor e xornalista figuraban varias versións da obra e o texto derradeiro quedou revisado meses antes do seu pasamento. «Despois de que faleceu, vimos no seu ordenador que revisara o orixinal a finais de outubro», explica Naval. Tamén detalla que estes relatos «están moi na liña de obras súas como Minotauro ou Co medo nas mans», relatos poboados de seres fantasmagóricos.

Este non foi o único texto que deixou escrito Fernández Ferreiro xa que, explica Fernández Naval, tamén tiña empezada unha obra sobre os cantares dos afiadores, aínda que moito menos adiantada que a anterior e, por iso, a súa publicación, si chega a facerse, non será tan inmediata.

De tódolos xeitos, entende Fernández Naval que os lectores de Ferreiro estarán encantados de dispor dun novo libro, unha mostra máis da súa literatura «que bebe moito da tradición oral».

Fernández Ferreiro compaxinou durante toda a súa vida a paixón literaria coa profesión como xornalista. Traballou en cabeceiras como Faro de Vigo, La Noche ou El Correo Gallego e foi durante décadas xornalista de La Voz de Galicia, onde rematou a súa carreira profesional. Antes de todo iso, e tralo seu paso pola facultade de xornalismo en Madrid, estivo cinco anos facendo os press books para a produtora cinematográfica madrileña que lanzou a algúns das estrelas da época. «Tiven que escribir cousas como ‘Joselito es un genio’», lembraba entre risas o escritor.

Un afiador na Academia

Ao longo da súa carreira acadou premios como o Galicia de Xornalismo, o da Asociación de Escritores en Lingua Galega ou o Losada Diéguez de creación literaria. Xosé Fernández Ferreiro tomaba posesión da súa cadeira na Real Academia Galega no 2013. Unha cita, a entrada dun afiador na RAG, marcada polo simbolismo: presidía a institución Ferrín, o vello compañeiro do fato dos Brais Pinto.