A Coruña inicia a axenda do centenario de Murguía, «o profeta da Galicia futura»
A CORUÑA CIUDAD






A RAG e o Concello descubriron unha placa en Santo Amaro en honor ao escritor
01 feb 2023 . Actualizado a las 17:44 h.Ao ritmo das gaitas, como non podía ser doutra forma, comezou a sesión inaugural que a Real Academia Galega (RAG) e o Concello de A Coruña celebraron este mércores para iniciar a axenda de celebracións do centenario do pasamento de Manuel Murguía. Previamente, ambas institucións descubriron no cemiterio de Santo Amaro unha placa conmemorativa coa cita «O primeiro é o noso idioma. El prométenos o porvir que procuramos», extractada do discurso do homenaxeado nos Xogos Florais de Tui.
Xa no pazo de María Pita, «un lugar emblemático e cun simbolismo especial coa imaxe de Rosalía de Castro representada na vidreira», tal e como apuntou a alcaldesa, Inés Rey, comezou un acto no que tamén participaron o conselleiro de Cultura, Roman Rodríguez; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes e o académico Ramón Villares. O historiador destacou que Murguía «se ocupou, con rigor intelectual na análise e con elegancia na escrita, dos máis variados campos do saber sobre Galicia, desde a literatura e a historia ata o folclore, a arte, o dereito e, desde logo, a política».
Villares incidiu no papel de Murguía para construír «un relato coherente do pasado de Galicia e dar forma a unha institución cultural como a propia Real Academia Galega, o que fixo del o símbolo da renacencia galega, e ao tempo, un profeta da Galicia futura, tal como acertou a velo a xeración Nós». O académico sinalou que o escritor foi tamén un «temido polemista con coetáneos como Emilia Pardo Bazán, quizais por vela rival de Rosalía, figura que logrou elevar á categoría de escritora nacional».
Non pasou por alto Villares a traxectoria como xornalista do homenaxeado e apuntou que co tempo Murguía viraría nun «político rexionalista e construtor dun arsenal simbólico que dotase de forza emotiva a patria galega», polo que abandeirou «os principais símbolos de Galicia, desde o monumento aos mártires de Carral ata a fixación do himno e a bandeira galega».
Pola súa banda, o presidente da RAG indicou que «honrar a memoria de Murguía é honrar a todos os que en distintas etapas foron construíndo e seguen construíndo o país. Galicia existe porque eles a soñaron antes. Somos unha cadea que continúa. Cada elo fai máis forte o elo anterior e reafirma os pasos que aínda virán. Sabémonos fillos do exemplo dos que nos precederon. Tal é o sentido das celebracións deste centenario».
Para finalizar o acto, o conselleiro de Cultura apuntou que «a nosa obriga é facer o posible para seguir poñendo en valor o seu legado», mentres que a alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé no vínculo de Murguía e da RAG coa Coruña e destacou a súa contribución «como auténtico cerebro do Rexurdimento».