Modernizar A Coruña

Pilar García Negro
Pilar García Negro PROFESORA DA UDC E ESCRITORA

A CORUÑA CIUDAD

MARCOS MÍGUEZ

26 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin, coa atención que merece, a entrevista coa alcaldesa da Coruña. A idea central exposta é a de afrontar a segunda modernización da cidade. Este é o obxectivo xeral declarado, logo circunstanciado en diversos proxectos e obras. Ignoro cal e cando foi a «primeira modernización» da cidade de que son veciña desde hai case 47 anos, mais isto carece de importancia, visto que o volume de cousas que descoñezo é moi superior ao das sabidas. De modo e maneira que non podo estar máis de acordo cun verbo tan atractivo como «modernizar». Modernicemos, pois. Modernicemos un nomenclátor urbano da Coruña onde continúan a figurar indicadores da «Avenida de Arteijo», «Avenida de Finisterre» ou outras desfiguracións da nosa toponimia, 40 anos despois de ter sido promulgada a Lei de Normalización Lingüística (véxase o seu artigo 10). Modernicemos, dunha vez por todas, o nome verdadeiro dunha vía de amplísimo tránsito, cal é A Mariña, que continúa a ser denominada «Avenida de la Marina» e, por se non abondase, co nome acompañado do escudo de armas da Mariña española. Non hai tal. A Mariña chámase así por denominar a beira do mar, a ribeira, en galego, claro está, porque todo o que hoxe é terra firme foi gañado ao mar en sucesivos recheos (por iso xente idosa da cidade chama aos Cantóns o «Relleno»). Outras moitas denominacións urbanas merecen estar escritas en galego, pois galega é A Coruña e nela e na Galiza enteira é onde, loxicamente, o galego ha de existir, ser falado, ser escrito e ser lido. Nin máis nin menos isto é unha lingua. Nin máis nin menos «normalizar» significa dar carta de natureza social e legal a todos os usos que definen o status dunha lingua completa. Non obxecto cultural de homenaxe ocasional, non instrumento de uso ritual.

A principal celebración que se pode facer dunha lingua é usala publicamente, demostrar que ela é válida para todas as funcións oficiais, científicas, técnicas, estéticas... Converter a potencia en acto. Política lingüística faise, por activa ou por pasiva, con moitos máis actos dos declarados. Planas enteiras ou horas de radio e televisión en castelán de cargos públicos galegos fan moito máis polo statu quo negativo, subordinado, do galego, do que millenta campañas de promoción cultural do mesmo fan a seu favor. O que conta é o uso xeral, visíbel e audíbel. O resto, prédicas de mal pagador.

Modernícese, pois, o goberno municipal da Coruña. O moderno é a presenza normal do galego. O arcaico, anticuado e rancio, a súa exclusión.