Nin «meu», nin «fala», nin «dina»: a Palabra do Ano 2024 é «cantareira»
A CORUÑA CIUDAD
Impúxose na votación popular promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié
27 dic 2024 . Actualizado a las 09:42 h.Galicia e o 2024 xa teñen a súa Palabra do Ano. Di a Real Academia Galega que «soa a poesía e música, a gana de compartir bos momentos, a voz feminina e colectiva, a lingua propia». Cantareira impúxose na votación popular promovida pola RAG e a Fundación Barrié a través do Portal das Palabras, no que a institución ve «unha chamada colectiva a ollar con ilusión cara ao futuro cando está a piques de comezar un novo período de doce meses». Galicia enteira «lles ha render homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país», incide a Academia.
Na primeira acepción do dicionario da RAG, cantareiro, cantareira define á persoa que sabe cantar ou afeccionada a facelo e ten como sinónimos cantadeiro-a, cantador-a e cantaruxeiro-a. Como adxectivo, esta voz ten unha segunda acepción similar, «que emite un son agradable e melodioso», pero a Palabra do Ano 2024 refírese á forma substantivada cantareira, que se aplica á muller que canta cantigas populares. O termo créase en todos os casos sobre o verbo cantar, que procede do equivalente latino cantare.
Cantareira, co 25 % dos votos, foi a palabra que obtivo máis apoios das persoas participantes nunha elección na que o público se decantou maioritariamente polas opcións patrimoniais. A segunda opción máis elixida foi meu, miña, outra proposta que remite á oralidade e que apareceu entre as finalistas como alternativa de noso ao anglicismo *bro, apócope de brother (irmán). Este posesivo, no seu uso en vocativos ou exclamacións, acadou arredor do 23 % dos votos, cunha lixeira vantaxe sobre fala, que figurou entre as finalistas na segunda opción que recolle o Dicionario, «lingua natural propia dunha comunidade humana». Cun resultado moi próximo obtivo a cuarta posición aparvar(se), vocábulo tradicional para se referir á preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais. En quinto e sexto lugar quedaron dina, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos, e o sintagma nominal emerxencia climática, respectivamente.
A palabra cantareira(s) designa ás protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, festa que a Real Academia Galega dedicará á poesía popular oral e ás mulleres que cantan e crean cantigas. O anuncio o pasado mes de xullo desta decisión «acadou unha enorme repercusión social, seguramente sen precedentes», apuntan dende a RAG, o que, ao seu entender «amosa o recoñecemento da súa contribución á creación e á conservación dun tesouro patrimonial colectivo, no que poesía e música son dúas partes indisolubles». A acollida desta elección, engade, «tamén apela ás novas xeracións de intérpretes e creadoras e creadores que beben deste herdo dun pobo que segue a cantar en galego, e que atopa nesta forma de expresión unha maneira contemporánea e vivificadora de proxectar no mundo toda a súa creatividade e potencia cultural, que ten como cerna a lingua galega».
A celebración do vindeiro 17 de maio personificarase nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e en tres das cinco Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, por seren as que faleceron hai máis dunha década. As tocadoras de Cerceda e Malpica foron parte das 600 persoas informantes do Cancioneiro popular galego publicado nos anos 80 do século pasado pola musicóloga Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico Antón Santamarina, que recolle dende cantos de labor, de Nadal e Reis ou arrolos ata parrafeos, regueifas e romances, todos eles vivos aínda na memoria de mulleres e homes que medraran nunha sociedade tradicional. A investigadora suíza, tras pasar uns meses en Andalucía e o País Valencià, chegou a Galicia en 1978 á procura de melodías arcaicas. O que atopou abraiouna de tal maneira que ficou ata 1986 gravando cantos en aldeas de oitenta e oito concellos, para o que contou co apoio económico fundamental dunha bolsa de Fundación Barrié, entidade que se ocupou ademais da edición da obra.