CONTENIDO PATROCINADO
OFRECIDO POR CASTELO CONTA

A aldea de Xosé A. Touriñán celebra do 19 ao 25 de agosto un festival singular cunha programación pensada para todos os públicos: comedia, música, actividades na natureza, xantares populares, teatro familiar, cine e conversas arredor da tradición oral.

A parroquia de Castelo, en Culleredo, xa ten todo listo para recibir o público que convirte este pequeno lugar ao pé do Monte Xalo no centro cultural de Galicia do 19 ao 25 de agosto. O festival Castelo Conta, promovido por Touriñán e os seus veciños e veciñas, presenta este ano a súa programación máis extensa continuando na liña de facer un evento sostible e atractivo para un público moi amplo.

Este ano chega con novidades como a reapertura de Casa Rodríguez, pechada desde 2017, para aloxar a Taberna do Castelo Conta durante a celebración do festival. A Taberna funcionará tamén como punto de venda do material promocional do festival e dunha selección de produtos de proximidade. A súa actividade principal terá lugar de luns a venres en horario de 14.00 a 15.30 horas, cos Vermús na taberna. Alí poderán desfrutarse petiscos preparados en directo por Jorge Trigo, da Espiga; Lolo Mosteiro e Paula Martínez, da Artesa da moza crecha; Manuel Domínguez, do Lúa; Damián Paris, de Decanta-t; e Kike Piñeiro da Horta do Obradoiro. Estas sesións de mediodía contarán tamén coas actuacións musicais de Alana, Eris Mackenzie, Comando Curuxás, Lontreira e crnds.

Casa Rodríguez aloxará a Taberna do Castelo durante o festival, onde haberá produtos de proximidade e material promocional.

Outra novidade desta edición é o espectáculo Castelo Arre ou Show, un formato inédito protagonizado por David Amor, David Perdomo, Federico Pérez, Isabel Garrido, Patricia Castrillón, Manuel Cortés, Tamar Novas e Xosé A. Touriñán. Para este espectáculo xa non quedan entradas dispoñibles. Ao finalizar o show, sairán ao escenario Boyanka Kostova. O acceso ao concerto será libre ata que se complete a capacidade do recinto.

Durante a semana, as mañás son para a cativada. A Xente Miúda é un campamento no que as e os máis pequenos coñecen de primeira man o traballo que se fai no monte, aprenden sobre cultivo, manualidades con obxectos naturais… As prazas para esta actividade están esgotadas, pero hai programación familiar aberta a todo o mundo. Así, visitarán Castelo os espectáculos Máis Saaabor!, De Vilatriste a Vilalegre, Muiñada e Uxía Lambona e a Banda Molona, quen pecharán o venres ao mediodía unha intensa e divertida semana de actividades.

Os máis pequenos contarán cun campamento onde aprenderán os traballos do monte, os cultivos...

A tradición oral é a protagonista nas tardes de luns a venres. Os Contos de Castelo repiten formato radiofónico, nesta ocasión con Federico Pérez e Miguel de Lira, Xosé Ramón Gayoso, María Meizoso, Marta Otero Mayán e Xaime Fandiño. Nestas tardes de radio falarase de cinema, libros, banda deseñada, remedios, doenzas, supersticións, gastronomía, festas, deportes, entretemento e tamén do monte e o territorio. Os programas contarán con convidados que achegarán a súa experiencia e tamén coa participación das veciñas e veciños de Castelo. O festival tamén propón dúas achegas a mostras artísticas relacionadas coa tradición oral como son a regueifa e o slam poetry.

Os Seráns nas Aldeas levan os espectáculos ás distintas aldeas da parroquia, con escenarios situados nas eiras da veciñanza. Nesta ocación, actuarán Lamatumbá, Tiruleque e Maricarme e tamén haberá cine coa proxección de +Cuñados e Mulleres de Castelo, un documental colaborativo cuxa rodaxe comezou na pasada edición do festival e que se estreará o mércores 21.

O venres é o día dos Concertos do Castelo Conta. Nesta ocasión os convidados son Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Sés e Dios ke te crew. As entradas para poder desfrutar dos tres concertos están dispoñibles en casteloconta.gal ou na web de Ataquilla a un prezo de 15 euros.

O sábado 24, é o día grande da programación. A Andaina do Día Grande do Castelo Conta percorrerá as aldeas de Castelo acompañada da música de Os Viqueiras e a charanga Mil9 e contará coas actuacións de Marita Martínez e Celso Sanmartín. Para esta actividade é preciso inscribirse na web do festival, onde tamén é posible mercar tíckets para o xantar e a cea que terá lugar ese día. A xornada rematará coa Noite de Monólogos na que participarán Carlos Blanco, Lucía Veiga, David Perdomo, Isabel Risco, Federico Pérez, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Pepo Suevos, Patricia Castrillón, Gari Garrido e que contará con Touriñán como mestre de cerimonias. Para este espectáculo xa non quedan entradas dispoñibles.

O peche do festival será o domingo 25. O día da Romaría do Castelo Conta comezará cedo cunha alborada pola parroquia que abrirá unha xornada que contará cunha ruta de coches clásicos, unha sesión vermú coa orquestra Sinfonía, pulpeiras, xantar popular e un segundo pase da orquestra pola tarde.

Toda a programación e a venda de entradas e tíckets está dispoñible en casteloconta.gal e nas redes sociais do festival