BNG reclama a Transportes «conexión ferroviaria e estación intermodal» para o Centro Loxístico de Culleredo
CULLEREDO

Reclama que se realicen os estudos de viabilidade para ampliar os servizos
30 abr 2025 . Actualizado a las 18:23 h.O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Ministerio de Transportes realizar os estudos técnicos e económicos necesarios para avaliar a viabilidade de estender o camiño de ferro desde o porto de Langosteira até o Centro Loxístico de Transportes (CLT) de Culleredo, así como a construción dunha verdadeira estación intermodal.
Rego visitó este parque empresarial acompañado por representantes do BNG a nivel municipal -os concelleiros Tono Chouciño, Laura Raposo Vigo e Beatriz Pérez Mosquera-, así como polo presidente da Asociación de Empresarios do Centro Loxístico de Culleredo, José María Cabanelas Gómez, e outros membros da directiva e da asociación.
«O CLT de Culleredo foi concibido para ser un nodo fundamental da loxística na área metropolitana da Coruña, pero carece das conexións de transporte necesarias para cumprir ese papel», precisou Rego, que indicou que «a conexión ferroviaria directa co porto de Langosteira e a creación dunha estación intermodal permitirían integrar plenamente este centro nas redes de transporte estatal e europeo, converténdoo nun motor de desenvolvemento económico para toda a comarca».
O BNG estima que a infraestrutura de Ledoño leva anos infrautilizada e reclama que se actúe de forma decidida para convertela no que foi pensado: un polo loxístico estratéxico para a comunidade autónoma. Para iso, considera esencial apostar polo ferrocarril como vía de comunicación de mercadorías, favorecendo a intermodalidade e reducindo a dependencia do transporte por estrada. «Non se pode entender un centro loxístico moderno sen unha conexión ferroviaria eficiente. Queremos que Ledoño se converta nun verdadeiro hub de distribución de mercadorías, favorecendo o transporte combinado, reducindo custos para as empresas e facendo a nosa economía máis competitiva», dixo Rego.
O deputado do BNG incidiu tamén na dimensión ambiental da proposta: «Nun contexto no que cómpre avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sustentábel, o transporte ferroviario xoga un papel chave. Apostar polo ferrocarril para o transporte de mercadorías significa tamén apostar pola redución de emisións contaminantes e pola diminución do tráfico pesado nas estradas».
Rego lamentou que tanto o Goberno do Estado como a Xunta leven anos ignorando as necesidades da comarca en materia de infraestruturas loxísticas. «A falta dunha política decidida en materia de transporte está a frear o potencial económico dunha das principais áreas industriais e comerciais do país», denunciou.
«A nosa proposta é razoábel, necesaria e perfectamente asumíbel. Exiximos, por tanto, que se realicen xa os estudos de viabilidade para que, dunha vez por todas, se dean os pasos concretos para dotar o CLT de Culleredo dunha conexión ferroviaria eficiente e dunha estación intermodal moderna», reivindicou Rego.