Curtis volve ás feiras de 1900 esta fin de semana

La Voz CURTIS

CURTIS

Laura Míguez

A localidade acolle o 29 e 30 de xullo o popular evento que rememora a vida de principios do século XX

25 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O pobo de Curtis regresará ao pasado este sábado 29 e domingo 30 coa séptima edición de Curtis na lembranza-As feiras de 1900, unha edición adicada á pintora María Antonia Dans e ás súas coetáneas. Con esta celebración faise un recordo das antigas feiras de 1900, cando a localidade comezou a crecer grazas a estas convocatorias e á estación de tren inaugurada a finais do século anterior. 

O Concello de Curtis e a Asociación de Promoción e Celebración de Feiras do municipio vén de presentar unha ampla programación. Unha das novidades desta edición é a extensión da feira, que aumenta este ano con preto de 100 postos (artesanía, alimentación, textil, comercio e hostelería local, demostración de antigos oficios…) que abarcarán dende a Estación de tren ata a Casa de María Antonia Dans (Avenida Principal) así como as rúas Pilar Pena e Emilio Martínez Sánchez ademais da ambientación de época que haberá por estas rúas.

A feira comezará os dous días ás 12.00 horas aínda que o pistoletazo de saída será ás 13.00 horas do sábado co pregón que se realizará diante da casa-museo da artista galega María Antonia Dans por un pregoiro aínda sen desvelar. A casa permanecerá aberta durante os dous días para todos os que queiran visitala. Na programción inclúense 13 actuacións musicais nas que destacan Pelepau o sábado ás 21.00 horas e Leirabuxo que pechará a feira o domingo ás 19.00 . Tamén haberá seis exposicións de balde nas que se poderán ver obras de arte ou aparellos de época así como demostracións de traballos en cristal, forxa, fabricación de gaitas e redeiras de Malpica.

O tradicional paseo das mozas será ás 20.00 horas do sábado. Tamén haberá obradoiros de elaboración de pan, iniciación de bailes de foliadas, pintura, adornos florais e xoguetes tradicionais. A programación completa pode consultarse nas redes sociais do Concello de Curtis. A feria segue sendo, tras máis dun século, un referente na comarca e a provincia con máis de 130 postos os días 9 e 23 de cada mes.