María Gutiérrez, presidenta da asociación Agra do Orzán: «As mulleres, ao final, son as que máis miran polo noso barrio»

Loreto Silvoso
LORETO SILVOSO A CORUÑA

ELLAS

Pedro Maceira

É a primeira vez na historia da Coruña que unha directiva dunha asociación veciñal está composta só por mulleres

28 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

No distrito máis poboado e multicultural da cidade, a Agra do Orzán, as mulleres dan un paso á fronte. Elas levan toda a vida aí, vivindo o barrio, pedindo zonas verdes, máis limpeza e mellor transporte público, pero non eran tan escoitadas coma os homes. Quince desas mulleres acaban de tomar as rendas da Asociación Veciñal, con María Gutiérrez Calvete como presidenta.

Pregunta. Isto de só mulleres foi a propósito? Por que?

María Gutiérrez. Si, foi unha idea da anterior directiva para visibilizar que as mulleres somos quen de facermos cousas e de traballar entre nós.

P. Sororidade veciñal?

M. G. Ese mito de que as mulleres nos levamos fatal e que somos coma lurpias entre nós estaba moi asentado hai uns anos.

P. Afortunadamente, agora xa non tanto. Que falen as demais, logo. [Abre a quenda a exconcelleira do BNG, Ermitas Valencia, dona dunha libraría no barrio e que tamén está na directiva].

Ermitas Valencia. Nas ANPA dos colexios son, sobre todo, mulleres. Se hai un señor ao mellor é o presidente, pero elas son maioría. Por que? Porque son as que máis se implican. E nos barrios pasa exactamente o mesmo.

P. Será porque aínda levamos o peso dos coidados a nenos e maiores? Así o din as estatísticas.

E. V. E do contorno comunitario. Normalmente son as mulleres as que máis se fixan no que está roto ou no que pode ser perigoso para os nenos. Son as que están alí, porque aínda hai máis mulleres que, por desgraza, só se dedican ao coidado da casa.

M. G. Imos á compra, cargamos coas bolsas, andamos cos carriños dos nenos, coas cadeiras de rodas... As mulleres, ao final, somos as que máis miramos polo noso barrio.

Marisol Mirás. [Outra das compoñentes da directiva]. Por exemplo, as mulleres son as que mellor saben cal é o ancho da beirarrúa, porque saben por onde poden pasar e por onde non.

E. V. A implicación das mulleres sempre foi superior á hora de reclamar cousas na asociación. E na participación das actividades culturais, tamén.

P. Como se relaciona todo iso coa multiculturalidade do barrio?

M. G. Necesitamos sitios de encontro. No colexio Raquel Camacho hai moitísimas nacionalidades.

M. M. E hai cantidade de cultos relixiosos distintos no barrio.

Marisa Fernández. Pero tamén hai moito arraigo da xente. Quero dicir, hai moita relación entre uns e outros. A nosa é unha multiculturalidade moi pasiva, non violenta. Esta é unha zona moi tranquila e nada conflitiva.

E. V. Tamén pola orixe emigrante dos galegos que viven aquí. Cando os do Senegal celebraron o seu día, as señoras estaban tan emocionadas coma se visen a Cántigas da Terra [todas rin].

M. G. E aquí os inmigrantes veñen a traballar.

P. Falemos de obxectivos. Que queren mellorar no barrio?

M. G. Os problemas da praza das Conchiñas e o tema da falta de limpeza e de aparcamento.

Chus Piñeiro. Queremos máis frecuencias e máis rutas de bus diferentes. Só hai o 7, o 12A e o 14. E o 12 pasa cada media hora.

M. M. E non hai onde estacionar. Debería haber un aparcadoiro disuasorio na terceira rolda.

Ch. P. Si, aquí todos son aparcadoiros privados.

E. V. E o abandono. Hai beirarrúas nas que cheira a ouriños.

M. G. E son os comerciantes os que teñen que limpar as entradas dos seus negocios.

E. V. Na rúa Barcelona quédanche os pés pegados pola roña que hai. Falta limpeza e hai zonas onde os contedores son insuficientes. Por non falar dos excrementos das pombas e das gaivotas.

M. G. E o parque da Agra. Levamos vinte anos coa reclamación.

E. V. Temos unha pancarta que pon ‘Queremos un parque para xogar’. Fíxoa un neno do barrio que xa é profesor en Aparelladores. Leva vinte anos feita!

M. G. Xa ve o caso que nos fixeron!

E. V. E iso que esta asociación foi a que conseguiu que se peatonalizaran a rúa Barcelona e a praza das Conchiñas. E mire como está!

M. M. Tamén queremos recuperar o muíño da Gramela!

Piden máis limpeza: «Na rúa Barcelona quédanche os pés pegados pola roña que hai en zonas», din na Asociación da Agra do Orzán.

«Parque da Agra xa»: Este é o lema da súa loita para acadar zonas verdes. «Só temos a praza das Conchiñas, pero sen zona de sombra. É unha explanada».

«Cando saímos do barrio dicimos: '“Teño que baixar á Coruña”. Ha, ha! Isto é outra cidade»

Coma nos grandes parques de Londres, na Agra do Orzán vive unha familia de raposos, fácil de ver para os veciños e tamén para os traballadores do Centro Meteorolóxico. Estamos nun barrio denso e peculiar, que limita ao norte co Peruleiro e ao sur coa Sagrada. Falamos do seu ecosistema propio coa nova directiva da Asociación Veciñal. Todas son mulleres

Pregunta. Ser da Agra xa é unha categoría especial.

Marisol Mirás. Si. Cando saímos do barrio dicimos: «Teño que baixar á Coruña». Ha, ha!

Ermitas Valencia. E se che ven en Catro Camiños cáeche un «e logo ti por aquí?». Case tes que xustificarte [risas]. «É que veño ao médico», ou o que sexa...

P. A Agra, sitio distinto.

E. V. Isto é outra cidade. A decana de Socioloxía di que hai unha Coruña branca e outra negra. A negra está aquí. Cruzas da rolda de Nelle para abaixo e, socialmente, cambia. Eu viña con meus pais comprar zapatos á rúa Barcelona e as señoras que paseaban por aquí eran iguais que as que paseaban pola praza de Lugo. Agora non, a diferenza é brutal.

P. Algunha infiltrada na directiva?

Chus Piñeiro. Eu son de Monte Alto de nacemento, pero vivo aquí. Non me infiltrei agora [risas].

María Gutiérrez. Eu vivo a unha rúa. Tiven que cambiarme porque non tiña praza de garaxe, a rúa era moi estreita… Xusto os problemas de habitabilidade do barrio, que son serios. Moitas casas sen ascensor, beirarrúas pequenas... E pecharon moitos comercios.

Marisa Fernández. Cada outubro entregamos no Concello un informe sobre o estado das rúas, ruídos, iluminación, limpeza e miramos cantos baixos hai baleiros. Niso estamos agora.