Tivo tal frutífero confinamento que escribiu un conto infantil, varios poemarios e ata compuxo cancións
03 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.No mundo de María José Viz (Piloño, Vila de Cruces, 1963) as gaivotas tamén se confinan, pero curan o aburrimento voando ata as mans dos nenos en forma de libro. Esta bibliotecaria coruñesa, que pasou entre lecturas a infancia en Compostela e traballou feliz en Ourense, vén de publicar a historia da gaivota Sonia.
-Ten ensinanza esta fábula?
-Si, que todos podemos atopar refuxio nos libros. A gaivota Sonia ten que quedar na casa coa pata rota. Súa nai vai traballar e ela fica co seu can Xan, co que ninguén se leva mal. Pero ten un montón de libros para ler.
-E pásao bomba.
-A idea era animar aos rapaces a ler máis ou a empezar a ler, porque o conto está recomendado para os primeiros lectores.
-Falamos de seis anos?
-Si, pero tamén para os máis cativos da casa, cos pais ou os avós de lectores. Unha profesora de infantil, María, contoume que o leu na clase a nenos de 3 ou 4 anos. Pareceume moi bonito.
-Ler un libro a destempo é un erro colosal?
-Cos máis pequenos, iso si que é importante. Nas bibliotecas etiquetamos cada idade con diferentes cores para orientalos.
-Que tipo de bibliotecaria é? Gústalle suxerir ou deixa vía libre para explorar os andeis?
-Non me gusta facer suxestións ou dirixir ao neno cara a unha vertente determinada da lectura. Son unha bibliotecaria á que non lle gusta nada recomendar libros. Agás cando, xa por insistencia dos pais ou dos avós, amósolles outro tipo de libros.
-Os nenos non preguntan?
-Non. Os nenos teñen moi claro o que queren! Algúns teñen unha personalidade tan marcada que teñen os seus libros favoritos e non os moves deles. Nós tivemos unha rapaza que collía unha e outra vez o Diario de Ana Frank.
-Que lle diría a un neno que non le absolutamente nada?
-Aínda que non me gusta que partan dunha película para logo ler un libro, con Harry Potter se animan a ver a historia en papel.
-Canto axuda un fenómeno literario como Harry Potter?
-Ten un mérito indiscutible, porque a colección vai aumentando de tamaño, pero os nenos devoran todos os libros. Son unha marabilla para incentivar ao lector.
-O «Diario de Greg» é o demo?
-Non, porque serve para que, os que non son moi lectores, empecen pouco a pouco. Tamén poden partir dun libro ilustrado.
-Como «A gaivota Sonia».
-Si, ten unhas ilustracións magníficas da miña irmá, Margarita, que soubo captar o senso do que quería expresar. Cando nos xuntamos, saen cousas fantásticas.
-E cando empezou a escribir?
-Pois hai pouco tempo, en 2015.
-Cinco anos e xa ten cinco obras!
-Curiosamente, este ano tan terrible para todo o mundo, foi moi produtivo para min. Este 2020 publiquei un poemario en galego, Mar de chuvia seca, e agora o conto de A gaivota Sonia, que me está a reportar moitas alegrías. Xa imos sacar outra edición.
-Onde se pode adquirir?
-Contactando connosco nas redes sociais. Aínda non pasei polas librerías, pero téñoo previsto.
-Ten publicadas xa dúas obras de relato breve. Como deu o salto da micro literatura á literatura infantil?
-Eu sempre fun microrelatista nun senso amplo. Tanto a nivel de relatos como de micropoemas.
-É de capítulo curto?
-Gústame a concreción, incluso cando leo. Prefiro as elipses, ese momento en que o autor deixa que o lector imaxine o resto.
-Canto hai de vostede nos libros?
-De todos os autores hai unha parte importante. As nosas vivencias están aí e non podemos excluír á persoa do autor, penso eu.
-Que lle da escribir?
-É unha válvula de escape.
-Corríxese moito?
-Todo hai que pulilo. O primeiro que me sae non é co que me quedo. Corrixo bastante.
-Un libro é o mellor agasallo para un rapaz?
-Por suposto, as lecturas forman a unha persoa. Non en plan académico, senón doutro xeito. Son riqueza tanto para a persoa pequeniña como para a grande; invitan á imaxinación. O mellor agasallo que hai para un neno é un libro. E cada vez hai máis pais e avós que agasallan con libros. Paréceme marabilloso.
-Pois que as súas maxestades de Oriente pasen polas librerías.
-Claro que si. [Pausa valorativa] Ademais, a lectura é vida.
Prolífica: Aínda que empezou a escribir hai so cinco anos, xa ten cinco obras publicadas. É autora dos poemarios Los abrazos líquidos e Mar de chuvia seca, ademais de dous libros de relato breve que son: Creaciones mínimas e Instantes hallados, ambos editados por Ojos Verdes.
Orixinal: María José Viz é unha bibliotecaria á que non lle gusta recomendar libros.
«A maior ledicia do mundo é que te lea alguén que non sexa a túa prima»
Afeita ao mar de libros do seu traballo, María José Viz tivo un confinamento moi frutífero. Mentres algúns enfornaban biscoitos ou aprendían bailes de TikTok, esta bibliotecaria da González Garcés, a biblioteca máis grande da Coruña, escribiu o seu primeiro libro para nenos, publicou un poemario e ata compuxo cancións en galego.
-Xurdiu fácil a gaivota libreira?
-Este contiño foi como volver á infancia. A gaivota Sonia vai en forma de verso. É como o que eu lía cando era pequena, que devoraba os libros dos meus irmáns e todo o que tiña preto de min. Era tímida e refuxiábame na lectura.
-Que ten que ter un libro para que a vostede lle guste?
-Si é un ensaio, ten que apetecerme saber dese tema; na novela, o suspense; e na poesía, a musicalidade. Agora estou lendo moitos autores galegos, porque tiña unha conta pendente coa escritura no noso idioma. De feito, non tiña moito vocabulario. Fun adquiríndoo a base de moitas lecturas.
-A musicalidade é importante?
-Na miña poesía, é prioritaria.
-Fíxase na lapela?
-Non me deixo levar por iso. O que pon na lapela é para vender. Trátase de probar e dar oportunidades a autores novos. Igual que a min, que son unha autora modesta e apenas coñecida, gustaríame que todos os que escriben teñan a oportunidade de ser lidos. Iso é o que queremos todos os que escribimos. Que nos lean! E alguén que non sexa a nosa prima, claro! [Risas] A maior ledicia do mundo é que te lea alguén que non sexa a túa prima.
-Ten experimentado iso, non si?
-Si. Teño lectoras que non coñezo e se puxeron en contacto comigo polas redes sociais. Iso énchete de alegría. Chegar a xente que non se coñece, grazas á literatura, é unha marabilla.