Boa cara

Xulio Xiz

MIÑO

27 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

No verán, moitos lucenses emigramos temporalmente á costa, lucense ou coruñesa. En tempos, eramos multitude os que acudíamos a Miño, a praia máis preto de Lugo. Coa A-8, reforzáronse os fluxos de verán a Viveiro, Foz ou Barreiros, agora máis achegadas á capital lucense. As crises e a covid retraeron a moitos, e aínda non volveu á normalidade o éxodo doutrora, ao que tamén contribúe de xeito enérxico a situación económica. Con certo retraso xa se nota ambiente de verán nesta enésima cidade lucense, que nos ten enganchado a moitos desde hai ben tempo; no meu caso, case medio século.

Vantaxe de Miño, ademais da praia, é o clima, que este ano estamos a botar en falta, xa que por fenómeno non previsto polos meteorólogos, despois dun par de días de calor excesivo, veu a xustiza climática dulcificar o aire, e a néboa privou de sol e praia unha semana ao litoral coruñés, mentres as novas de Lugo indicaban que o verán apresaba con forza. E así andamos os frioleiros, con prendas de abrigo, situando na praia barreiras ao vento, mirando o ceo e os prognósticos por se nos proporcionan algunha alegría, e asombrándonos de que toda a ciencia do mundo non teña avisado nin rexistrado a manta de néboa que nos situou fóra do verán. Sempre foi socorrido falar do tempo, e pareceume obrigado comentalo xa que, para un veraneante, que chegue unha invasión aérea que altere o tempo case só sobre a súa cabeza, é para preocuparse. Menos mal que só o cambio de aires ?quentes ou fríos- significa medio verán. Para o outro medio queda aplicar o vello refrán de «a mal tempo, boa cara».