Guadi Galego presenta cun cheo «Lúas de outubro e agosto»

OLEIROS

Guadi Galego e a súa banda no concerto da Fábrica
Guadi Galego e a súa banda no concerto da Fábrica Dolores Vazquez

Iniciou a xira de presentación na Fábrica de Oleiros

09 mar 2015 . Actualizado a las 13:50 h.

Hoxe tocaba xa menguante, pero a Fábrica de Oleiros estivo alumeada polas lúas cheas de outubro e agosto nas que pariu Guadi Galego os seus nenos, aínda que o que alumeou desta foi a presentación do seu novo disco, dedicado a esas citas vitais. Guadi Galego di sen prexuízos que desta nova aventura en solitario, a segunda despois de estar embarcada en proxectos colectivos como Berrogüetto, Nordestin@s, Espido ou aCadaCanto, mergullouse no pop. A macrocentral de iTunes, porén, considéraa alternativa, se cadra porque fai as cousas ao seu xeito. No Concello pensaron nela para conmemorar o 8 de marzo dentro do ciclo «Voces cálidas para noites de inverno». E acertaron. Logrou un cheo e iso que reforzouse a capacidade con cadeiras nos laterais. Tras darlle tempo a nena a medrar hoxe emprendeu con forza unha xira, co pulo que da lograr vender 3.000 unidades en dous meses, tocando en tres provincias en tres días. Trala parada na Coruña, en Oleiros; mañá farao no Salón García de Vilagarcía e pasado estará no Auditorio de Ourense. Nos escenarios está acompañada por dous antigos compañeiros de Berrogüetto, Guillerme Fernández (guitarra) e Isaac Palacín (batería), e de Paco Charlín (baixo), unha banda que lle permitiu interpretar pezas que supera o son do íntimo. Ela pon a voz e atende os teclados para presentar «Lúas de outubro e agosto» no que compuxo sete das dez pezas que o integran. No primeiro concerto desta etapa houbo tempo ata para as sorpresas e Guadi agasallou aos seus fieis cunha canción nova, un canto a amizade, aínda non recollido na súa discografía. E o público, aínda que tímido, ata se atreveu cunha improvisación para felicitar polo seu aniversario a unha cativa amiga de Guadi.