Será o luns 16 de decembro ás sete da tarde na Casa Charry
10 dic 2024 . Actualizado a las 19:31 h.O presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, presidirán o acto de presentación da obra literaria en galego de Francisca Herrera y Garrido, o vindeiro luns 16 de decembro ás 19.00 horas na Casa Charry. Tamén participarán Camiño Noia Campos, catedrática emérita da Universidade de Vigo e editora crítica do volume, e José Leoncio Areal, sobriño neto de Francisca Herrera y Garrido e editor.
Francisca Herrera y Garrido (A Coruña 1869-1950), a filla menor dunha familia da burguesía acomodada da Coruña, foi unha escritora romántica en galego e castelán. Lectora de Rosalía de Castro desde os 12 anos, admirouna durante toda a vida.
Os seus primeiros libros son de poesía. A partir de 1916 continúa publicando composicións poéticas en revistas e xornais galegos e da emigración. E no ano 1920 publica a súa primeira novela en galego, Néveda, a primeira escrita por unha muller, moi valorada por Murguía e Vicente Risco. En 1922 saca a novela curta A y-alma de Mingos na Editorial Céltiga de Ferrol e Pepiña, a primeira novela en castelán. En 1925 publica a novela curta Martes d'antroido na Editorial Lar da Coruña e a estas obras de narrativa engade a publicación de Reproba en 1926 e Familia de lobos en 1928.
A Real Academia Galega o 4 de marzo de 1945 comunicoulle oficialmente que fora designada membro numerario para ocupar a cadeira 037, que a convertería na primeira muller chamada a ingresar na devandita institución. Vicisitudes burocráticas propias daquela época impediron que lese o seu preceptivo discurso de ingreso antes da súa morte. No ano 1987, dedicóuselle a ela o Día das Letras Galegas.
Francisca Herrera pasou unha grande parte da súa vida en Oleiros. Froito desa relación a vía principal da capital do municipio leva o seu nome.