O XAV Cambados clasifícase por terceiro ano consecutivo para o Campionato Galego
OLEIROS

As de Mariel Oubiña perseguirán mañá o pase á fase de ascenso á Primera Nacional
25 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Mañá sábado, ás dez da mañá no Pavillón Municipal Coto Ferreiro da Estrada, o XAV Cambados mediráse ao CV Oleiros nunha das dúas semifinais do Campionato Galego da Primeira División Sénior Feminina de voleibol. O gañador do partido e o vencedor do encontro entre o CV Bruxas de Ames e o CV Santiago, á mesma hora e na segunda pista do mesmo recinto deportivo, enfrontaránse pouco despois, desde as cinco da tarde, polo título autonómico, cos dous finalistas xa clasificados para a fase de ascenso á Primera Nacional, terceira categoría do voleibol español.
O conxunto arousán, dirixido un ano máis por Mariel Oubiña, chega ao epílogo da temporada como cuarto clasificado da Liga de Primeira Galega que gañou o CV Oleiros, o seu rival nas semifinais, co Bruxas subcampión e o co CV Santiago terceiro.
O único equipo co seu rexistro
A participación no Campionato Galego recompensa unha extraordinaria temporada do cadro cambadés. Principalmente, por dous motivos. O primeiro, o dos numerosos cambios experimentados no seu cadro de xogadoras respecto ao curso pasado, especialmente no posto de colocadora, con Elia Pontanilla substituíndo no primeiro treito da Liga a Ana Castro, de postgrao en Granada, e con Antía Martínez debendo adaptarse a un posto crucial desde xaneiro, coa marcha daquela de Erasmus ao estranxeiro. E con todo, o XAV rematou converténdose no único equipo galego quen de repetir tres anos na pelexa por disputar a fase estatal de ascenso á Primera Nacional; a primeira vez, xogándoa, en León.
«O noso obxectivo sempre é quedar o mellor posible», declaraba onte Mariel Oubiña, quitándolle calquera presión as súas xogadoras de cara ao que poida vir por diante. Agora toca gozar.