Fala Luís con coñecemento de causa. A Panadaría Santa Cruz de Oleiros da que é responsable é do 1951: vén de acadar nada menos que 75 anos. Por ela veulle o oficio e o asociacionismo, e agradece a quen «abriu ás portas» a unha nova xeración «e nos deixou facer, que tamén iso é importante». Na Asociación Provincial de Empresarios Fabricantes de Pan ten importante presenza a Costa da Morte, tanto entre os socios como na directiva. Di Luís que cada zona ten a súa idiosincrasia, como pode ser o reparto porta a porta en pequenos núcleos, mais non importa o grande ou o pequeno cando as cousas se fan ben, «e na Costa da Morte hai xente que fai moi ben o traballo de panadeiro, panadarías moi recoñecidas, bo pan nesa comarca sen dúbida». Velaí selos como o reivindicado Pan de Carballo.
Nesa valorización da profesión ante a sociedade, Luís Rodríguez cre que tamén conviría incluso amosarlle ao cliente que hai un pan «para cada cousa e para cada momento». Isto dío ao fío da pregunta de se, persoalmente, elixe molete ou bola: «Non me entra na cabeza comer unhas ameixas cunha baguette. Ou uns callos ou unhas sardiñas. Para iso, pois un pan de molete. Pero para un bocata, unha bola ou barra».