Unha aventureira de Chantada

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

PADERNE

A chamada Casa dos Carbaxales, en Paderne —na parroquia de Muradelle— foi propiedade da familia de Juana García Carbajal. Nunha dependencia deste mesmo edificio existiu tamén un obradoiro de fabricación de campás que foi moi coñecido na comarca
A chamada Casa dos Carbaxales, en Paderne —na parroquia de Muradelle— foi propiedade da familia de Juana García Carbajal. Nunha dependencia deste mesmo edificio existiu tamén un obradoiro de fabricación de campás que foi moi coñecido na comarca ROI FERNÁNDEZ

Juana García Carbajal ou Juanita de Paderne viviu ao borde da lei durante as guerras carlistas do século XIX

08 mar 2019 . Actualizado a las 21:53 h.

A historia de Juana García Carbajal, coñecida como Juanita de Paderne, está hoxe esquecida na súa terra natal de Chantada a pesar de tratarse dun personaxe de singular interese. O escritor Francisco Tettamancy y Gastón sacou á luz a súa biografía nun traballo que apareceu publicado nas páxinas 222 a 226 no número dez do Boletín da Real Academia Galega do ano 1907. Logrou reconstruír a súa peculiar historia grazas ao azar e tamén á xenerosidade dalgunhas amizades que puideron ter acceso ao arquivo particular da familia Iglesias Penela da Coruña, onde apareceu un documento único que relata a vida de dona Juana García Carbajal.

Segundo o seu biógrafo, Juana García Carbajal procedía dunha distinguida familia que foi propietaria da Casa de Carbaxales, no lugar de Paderne, na parroquia de San Paio de Muradelle. Era filla do avogado chantadino Ignacio García Moure e de Juana de Carvajal, señores da chamada casa de Paderne de Abaixo ou dos Carbaxales. Os seus avós foron señores da mesma casa e tamén do pazo de Perrelos, na localidade taboadesa de Castelo de Asma. Tettamancy non dubidou en comparar á «aventureira galega de ilustre liñaxe» -como el describiu a Juanita de Paderne- con outras mulleres galegas cualificadas como heroínas, como María Pita, a condesa de Espoz y Mina, Concepción Arenal ou a grumete coruñesa Josefa Antonia Martí.

Pero a chantadina non se fixo famosa polo seu talento intelectual ou pola súa filantropía. Tettamancy atribuiulle unha vida marcadamente licenciosa, non exenta de aventuras, movemento e estraños e perigosos contrastes. Para o escritor, a soldadeira medieval María Pérez -máis coñecida polo alcume de María Balteira- sería a figura histórica máis semellante en aventuras a Juanita de Paderne, coa diferenza de que esta última non atopou trovadores que cantasen as suas heroicas proezas ou criticasen os seus excesos.

Contendas políticas

Segundo Tettamancy, Juana García Carbajal xa tiña de nena ideas extravagantes e sede de aventura. Abandonou a casa paterna para abrazar unha vida activa chea de episodios dramáticos. Corrían os tempos das contendas políticas entre absolutistas e liberais -e despois entre carlistas e isabelinos-, e Juanita de Paderne participou en tales loitas formando sempre parte do bando insurrecto. Foi perseguida varias veces polas forzas gubernamentais sen ser capturada.

Refuxio temporal no Grove despois dunha dura vida para regresar á casa paterna

Xa famosa polos seus feitos de guerrilla, Juana García Carbajal chegou a formar parte dunha facción encabezada por un paisano chantadino, Fernando Gómez El Ebanista, pero foi desterrada a Pontevedra por este mesmo, quen ao parecer receaba do poder que ía adquirindo a de Paderne. Finalmente, cansada da dura vida que levaba e abandonada polos seus amigos, foi refuxiarse na vila pontevedresa do Grove, no domicilio dun parente seu que ocupaba o cargo de párroco, Francisco Varela Carbajal. Viviu na casa deste sacerdote ata o 17 de febreiro de 1840, cando a foi recoller o seu irmán Francisco para levala á sua casa natal de Paderne.

O día 29 do mesmo mes e ano, segundo conta Tettamancy, Alonso Vázquez Carbajal, avogado, alcalde e xuíz do partido de Chantada, escribiu unha carta ao seu parente da Coruña Pelayo Iglesias Carbajal para falar sobre a antiga guerrilleira: «Me hice cargo de la parte reservada; y debo decirte con la misma reserva que Juanita de Paderne es nuestra prima, hija de la hermana de nuestra madrecita, con quien traemos la disputa, de unos veinticuatro años de edad, soltera...».

Conta tamén esta carta de Alonso Vázquez que Juanita de Paderne «se abandonó entre forajidos y tunantes que acaban de dominar el país; fue fusilado uno de los que la miraban y como perseguida por la tropa se acarició con un sargento que dio vuelta a la casaca y aun no volvió; consiguiente a esto el cabecilla don Fernando El Ebanista parece que la desterró a Pontevedra, a cuyo punto salió por algún tiempo según tengo entendido».